O Concello de Narón presentou oficialmente a súa Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), un espazo pioneiro destinado a fomentar a participación cidadá na transición enerxética e a apoiar a creación de comunidades enerxéticas locais.
O acto tivo lugar no Café Teatro do Pazo da Cultura e contou coa presenza da alcaldesa, Marián Ferreiro, e do director da OTC-Narón, Rodrigo López. A oficina, que estará operativa a partir deste mércores 15, localízase no Centro Social A Solaina e terá un horario de atención ao público de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores).
A veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 737 321 ou no correo electrónico otc@naron.gal, onde se poderán concertar citas presenciais fóra dos dous días estipulados. A nova oficina nace co obxectivo de achegar a transición enerxética á veciñanza, ofrecendo asesoramento técnico e administrativo, información sobre axudas e subvencións, formación en sustentabilidade e acompañamento personalizado para desenvolver proxectos de enerxías renovables e eficiencia enerxética.
Durante a presentación, explicouse o papel da OTC ao servizo da cidadanía, como punto de apoio para reducir o consumo enerxético, aforrar na factura eléctrica e promover proxectos colaborativos que dean resposta á crise climática.
Tamén se presentou de forma práctica o funcionamento dunha Comunidade Cidadá de Enerxía, con exemplos de autoconsumo colectivo a partir de instalacións renovables municipais, e o modelo de consumo agregado de enerxía, que permite negociar conxuntamente mellores condicións con comercializadoras, asegurando prezos máis xustos e favorecendo especialmente ás familias máis vulnerables.
A alcaldesa salientou que “Narón leva anos avanzando con decisión cara a un modelo enerxético sostible”, facendo balance dos proxectos en marcha, como a instalación de paneis solares en edificios públicos, a aposta pola eficiencia enerxética no alumado e o impulso de medidas para reducir a dependencia de fontes fósiles.
Pola súa parte, o director da OTC-Narón destacou que a oficina “será un punto de encontro para impulsar comunidades enerxéticas locais e iniciativas de autoconsumo colectivo, ao tempo que se facilitará o acceso a prezos máis xustos e condicións beneficiosas para fogares e empresas do municipio”.
Entre os beneficios de participar na OTC destacan o aforro económico na factura da luz, a redución das emisións contaminantes, o impulso á economía local e o empoderamento cidadán na xestión da enerxía. Con esta iniciativa, Narón refórzase como referente na transición enerxética en Galicia, abrindo un camiño cara a unha xestión comunitaria e sostible da enerxía.