Narón entrega nas escolas infantís municipais folletos coas tradicións do outono

A concelleira de Política Lingüística de Narón, María Lorenzo, informou que este venres 17 se entregarán nas tres escolas infantís municipais –A Solaina, A Gándara e Piñeiros- folletos de “Tradicións do outono”, publicacións enmarcadas na iniciativa As nosas tradicións.

A edil naronesa indicou que se editaron outras dúas publicacións con motivo do 23 de novembro, Día de Narón –que se repartirán o día 21 dese mes- e do Nadal –para entregar o 18 de decembro-.

O Magosto e as castañas, O Samaín e a esfolla centran este primeiro folleto, no que se informa sobre estas tradicións culturais e tamén como se celebran na cidade, no caso do magosto en varias parroquias e barrios e no do Samaín e a esfolla con festividades programadas conxuntamente dende o Padroado da Cultura e as entidades veciñais de San Mateo e A Naveira de Doso, respectivamente.

“Queremos amosarlles ás familias das escolas infantís municipais as tradicións máis emblemáticas e como as celebramos en Narón, facilitándolles información a través deste novo recurso e, ao mesmo tempo, achegándoas ao programa Apego, de socialización de nenos en galego”, explicou María Lorenzo.

As tradicións, curiosidades, a nosa lingua, recursos… forman parte dos contidos destes folletos que se entregarán nos citados centros, comezando polas celebracións do outono.

Lea también

Narón recibe do CPR Jorge Juan os carballos plantados polo alumnado de 1º da ESO

O edil de Medio Ambiente do Concello de Narón, Manuel Ramos, visitou as instalacións do …