Apertura en Narón da inscrición na actividade «Nadal con Apego»

O Concello de Narón abre o prazo de inscrición na actividade “Nadal con Apego”, unha proposta para público familiar do programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego. A concelleira de Normalización Lingüística, María Lorenzo, explicou que se trata dun espectáculo de narración oral que terá lugar o vindeiro 12 de decembro, ás 17:00 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

A iniciativa contará coa colaboración de persoas que participan nos grupos de Memoria do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, que lles contarán como vivían o Nadal cando eran pequenos, como o festexaban, as cancións que cantaban, se tiñan moitos agasallos… e tamén recordarán curiosidades desas datas, anécdotas e algunhas panxoliñas, enchendo de maxia unha xornada ideada para compartir historia e ilusión entre diferentes xeracións.

A actividade é de balde pero para poder participar é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal, indicando no mail o nome da actividade, o nome e idade do neno que acudirá e o da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A participación será por estrita orde de inscrición. A concellería de Política Lingüística de Narón organiza esta convocatoria a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

 

Lea también

El BNG exige al Gobierno parar el desahucio de una familia en un edificio de la Sareb en Narón

El diputado del BNG en el Congreso, Néstor Rego, ha pedido este sábado al Gobierno …