As Pontes retoma a campaña “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”, polo 25N

O Concello das Pontes dálle continuidade á campaña de sensibilización “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”, coa que se busca visibilizar todas as formas de violencia que se exercen contra as rapazas e mulleres, facendo especial fincapé naquelas que seguen a estar menos visibles aos ollos da nosa sociedade.

O pasado ano, baixo este lema, buscábase reflectir e concienciar sobre a realidade que viven moitas mulleres en situación de violencia de xénero no ámbito da parella que, pola súa condición de migradas, idade avanzada ou por presentar unha discapacidade, ademais, teñen que facer fronte a unha serie de obstáculos específicos.

Na mesma liña, e sen abandonar o prisma da interseccionalidade, a campaña deste ano é unha invitación a que todas as persoas afinen a súa mirada e se acheguen á realidade das rapazas máis novas, as cales tamén viven nun sistema patriarcal que as atravesa de maneira específica, sendo a violencia sexual unha das moitas manifestacións da violencia machista que enfrontan acotío.

As distintas formas de violencia sexual, desde as aparentemente máis sutís ata as  recoñecidas como máis hostís, forman parte dun conxunto de violencias, cuxo fin é controlar o corpo das mulleres e a súa liberdade de movemento.

Por iso, este 25 de novembro é unha ocasión estratéxica para situar o foco sobre realidades que, en ocasións, nos resultan alleas e facer un chamamento a toda a mocidade pontesa para que sexa partícipe no rexeitamento e “tolerancia cero” ante calquera forma de violencia machista.

Esta campaña iníciase co lanzamento dun audiovisual, onde se mostran datos da realidade das rapazas máis novas, as cales tamén enfrontan a miúdo diferentes manifestacións das violencias machistas. Este audiovisual estará dispoñible a través da páxina web e das redes sociais do Concello.

Dado que coa campaña se busca chegar á mocidade co fin sensibilizala sobre a importancia de detectar, actuar e rexeitar calquera forma de violencia machista e, máis concretamente, as diferentes formas de violencia sexual, realizaranse diversas actividades co alumnado de 3º e 4º da ESO para abordar, entre outras cuestións, o consentimento sexual, o sexting, e o porno, entre as que se inclúe o terceiro concurso de carteles con motivo da conmemoración do 25N,  a instalación dun punto violeta nos centros educativos e talleres de sensibilización.

O día 26 de novembro tamén se prevé realizar unha acción formativa denominada «PREVENCIÓN E DETECCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO EN POBOACIÓN ADOLESCENTE DESDE AS LIÑAS DE AXUDA DE ANAR», dirixida ao persoal das diferentes Administracións e servizos que conforman a MLCI, a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero do Concello das Pontes. Esta será impartida por Shauri Molina Morán, Subdirectora Líneas de Axuda ANAR.

A campaña tamén contará con actividades de sensibilización dirixidas ao tecido asociativo local e ás familias. Neste último caso, o día 25 de novembro realizarase unha acción formativa dentro do proxecto “Espazo en Familia”, denominada «Mulleres, pornografía e internet». O propio 25 de novembro ás 12 horas diante da Casa do Concello terá lugar a lectura do manifesto institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Toda a programación de actividades desta campaña pódese consultar na páxina web do Concello aspontes.org.

Lea también

Rapaces do CPI As Mirandas, Ares, indagan na construción dunha sociedade máis igualitaria

Ao longo do mes de novembro, como parte das programacións polo 25N en Ares, estudantado …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *