Profesorado da UDC participa nun proxecto europeo sobre eficiencia enerxética

Representantes das universidades e entidades participantes no Proxecto Europeo Erasmus+ 3E-Partnership, diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) nun descanso da xornada de traballo presencial no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Modernizar e empoderar ás institucións de educación superior en Azerbaidján, Xeorxia e Ucraína así como fortalecer as súas capacidades cara á resilencia enerxética e á cooperación interrexional.

Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership) que lideran, en representación da Universidade da Coruña, as profesoras da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Laura Castro Santos e Almudena Filgueira Vizoso.

O co-deseño e pilotaxe dun plan de estudos en eficiencia enerxética para as titulacións de grao e de máster xunto coa creación dunha serie de Laboratorios de Enerxía e de Redes Ecolóxicas son os dous piares básicos nos que se sustenta o 3E-Partnership, un Proxecto Europeo Erasmus+ que terá un impacto nas institucións, nas persoas, no estudantado e no persoal académico implicado mellorando o acceso ás infraestruturas, aos coñecementos e aos recursos máis actualizados no eido da eficiencia enerxética.

A Business and Technology University de Xeorxia coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participan a Katholieke Universiteit Leuven de Bélxica, a Politecnico di Milano de Italia e a Universidade da Coruña de España.

A maiores, integran este grupo de traballo a grande escala a Georgian Technical University, a Iakob Gogebashvili Telavi State University e a Energy Efficiency Centre Georgia, ambas as tres situadas en Xeorxia, a Donetsk National Technical University e a Ukrainian State University of Science and Technology, de Ucraína, xunto coa ADA University e a Khazar University emprazadas en Azerbaidján. Por último, cómpre sinalar o papel da Georgian National Energy and Water Supply Regulatory Commission como entidade asociada.

O Proxecto Europeo Erasmus+ European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership) conta cun orzamento total de 728.234 euros. A Universidade da Coruña dispón de 74.651 euros para levar a súa parte do proxecto centrado en co-crear coñecemento no eido da eficiencia enerxética grazas ao traballo do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Facultade de Economía e Empresa do Campus da Coruña.

Reunión de traballo presencial no Campus Industrial de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle o mércores 6 e xoves 7 de novembro, unha das reunións de traballo presenciais do Proxecto Europeo Erasmus+ European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership). A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, recibiron esta mañá aos preto de 40 representantes das universidades e institucións participantes que nestas dúas xornadas analizarán os avances realizados no marco desta iniciativa de innovación docente.

A maiores, o programa da xornada inclúe tamén a visita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no propio Campus Industrial de Ferrol, ás instalacións de Navantia Seanergies en Fene e ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (TG), emprazado na Coruña.

Lea también

Alumnos da EPEF asisten ó II Encuentro Ibérico de Jóvenes Ingenieros en Lisboa

Un total de 12 estudantes do máster en Enxeñaría Industrial, titulación que se imparte na …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *