Séptimo Premio Nacional María Moliner para a Biblioteca Municipal de Ares

O equipo bibliotecario da localidade vén de ser condecorado esta semana con este galardón que premia a proxectos de animación á lectura e dinamización cultural en toda España. Un recoñecemento que se suma aos que xa obtivo no 2016, 2017, 2020, 2021, 2022 e 2023. A boa nova tradúcese nunha dote económica de preto de 2.800 euros destinada á adquisición de libros para aumentar o fondo bibliográfico.

Para o equipo técnico encargado de xestionar a biblioteca municipal de Ares, o xesto ten condición de tradición: ano tras ano, séntanse a preparar, redactar e presentar o proxecto que enviarán de xeito totalmente voluntario ao Premio María Moliner de animación á lectura, representando así á vila na súa faceta de dinamización cultural.

E tamén con certo ritualismo, ano tras ano, consultan a relación de premiados para ver se é posible acadar algún dos galardóns. E así é: este 2024, Caridad Nieto, Beatriz Martínez e Julia López veñen de ser premiadas polo seu proxecto ‘Y por eso, se lo merecen todo’.

Trátase do séptimo recoñecemento que reciben nos últimos anos á súa labor bibliotecaria e de contacto coa veciñanza, amosando así un compromiso ao longo do tempo coa promoción da cultura e a lectura na contorna do municipio.

Ante a pregunta de como o fan, sobre todo tendo en conta a diferenza de recursos entre diferentes bibliotecas de toda España, dende o equipo técnico da bibliotecaria aluden a que “en ilusión, en optimismo, en ganas e motivación é difícil gañarnos. E aínda que é voluntario presentarse ao María Moliner, para nós é un incentivo moi grande”.

O premio supón un investimento para a biblioteca de case 2.800 euros, que se destinarán “integramente á adquisición e reforzo do fondo bibliográfico. Agora, por exemplo, se un usuario ou usuaria solicita un libro”, di Caridad Nieto, “temos moita máis liberdade e posibilidades para mercalo, e iso é un orgullo para unha biblioteca dunha vila pequena”:

Unha proposta onde os avós son os protagonistas

Unha homenaxe ás persoas maiores que adicaron as súas vidas a coidar, traballar e prestar axuda de forma desinteresada, considerando que era simplemente o correcto, e defendendo os seus valores para transmitilos de xeración en xeración.

Esta é a síntese de ‘Y por eso, ¡se lo merecen todo!’, o proxecto que presentaron este 2024 cunha liña de traballo orientada a promover actividades para este colectivo de máis idade, usuarios e usuarias que acoden cada vez máis ás instalacións da biblioteca con ganas de sumarse ás actividades e aportar o seu gran de area.

Mais a interxeracionalidade tamén está dentro da iniciativa do equipo técnico bibliotecario, ao procurar que os máis pequenos e pequenas poidan estreitar lazos cos maiores dentro das actividades que se deseñan. “Percibimos que cada vez hai máis afluencia de xente maior que quere participar, que quere ler, acompañar ós nenos… e tratamos de crear vínculos entre todos eles a través do fomento da lectura”, expón Caridad Nieto.

A importancia da xente maior como fontes de sabiduría; aprender a pensar xogando cos contos, cos mitos e as lendas ou explorar a propia historia de Ares son algúns dos eixos de contido do proxecto, que entende a función da biblioteca como un potenciador cultural con enorme impacto no espazo no que se inscribe.

Sobre o Premio María Moliner

O Premio María Moliner de Animación á Lectura, creado polo Ministerio de Cultura e Deporte de España, ten como obxectivo recoñecer o traballo das bibliotecas públicas na promoción da lectura e a mellora dos servizos bibliotecarios.

Este premio, que se outorga anualmente, busca fomentar a excelencia na xestión e animación das bibliotecas, así como destacar o papel fundamental que desempeñan no desenvolvemento cultural e educativo da sociedade.

Lea también

El Baxi Ferrol le endosa una pana al Sportiva Azoris Hotels en la Eurocup

Adán Puentes (X: @adanpuentes | IG: @adanpuentes89) Un inicio de partido casi perfecto fue suficiente …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *