O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia unha vez máis «a falta de compromiso da Xunta de Galicia coa cidade, reflectida nos orzamentos autonómicos para 2025″. !As partidas asignadas demostran un investimento insuficiente e atrasos en proxectos clave para o desenvolvemento e benestar da cidadanía de Ferrol».
«Abrir Ferrol ao mar”, proxecto que ten como obxectivo a mellora da conexión da cidade co seu entorno marítimo, ten asignados 1.600.000 euros nos orzamentos de 2025, «unha cantidade que consideramos insuficiente para a envergadura e urxencia do mesmo, do que non hai absolutamente executado nin proxectado, agás un mal uso do nome a xeito de eslogan na obra da Autoridade Portuaria que está moi lonxe de cumplilo».
«A ridícula cantidade de 100.000 euros prevista para a estación intermodal evidencia o desinterese da Xunta en axilizar a integración deste proxecto na cidade, agora que o Concello debe desenvolver a urbanización do Sánchez Aguilera».
«A intermodal debe ir aparellada a esta actuación, unha vez resolto no anterior mandato o Convenio de Defensa, do que non se deu nin un só paso no que vai de mandato. Ademais, é necesario abordar a mellora do transporte de pasaxeiros en xeral, tanto por estrada, onde os usuarios están a sufrir numerosos problemas coa empresa concesionaria, como nas infraestruturas ferroviarias, un tema no que o goberno local non fixo ningunha xestión ata o de agora e no que o Grupo Municipal Socialista, pola súa parte, tendeu a man desde o primeiro momento para colaborar na mellora destas cuestións fundamentais».
«A asignación de 200.000 euros para a modernización e internacionalización da economía local é insuficiente para afrontar os retos que Ferrol precisa para posicionarse como un referente en innovación e desenvolvemento empresarial. A falta de apoio á industria local e á creación de emprego segue sendo moi evidente».
«O estado da sanidade en Ferrol segue sendo preocupante, a pesar das partidas orzamentarias asignadas. Para 2025 destínanse 14.416.869 euros, sumados a 1.150.000 euros adicionais, pero é preciso destacar que os investimentos de cara a 2026 apenas superarán os 15 millóns, mentres que as necesidades de financiamento en anualidades futuras poderían alcanzar os 74 millóns de euros».
«Esta falta de planificación a longo prazo pon en risco a execución completa do Plan Director aprobado no Goberno de Emilio Pérez Touriño e, polo tanto, a mellora das infraestruturas sanitarias da cidade. Ademais, toda a ala sur do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) carece de duchas nas habitacións, unha situación inadmisible en pleno século XXI».
O Grupo Municipal Socialista denuncia que «a Xunta de Galicia non tomou medidas para corrixir esta grave carencia que afecta ao benestar e á dignidade dos pacientes. Esta situación é outro exemplo do abandono que sofre Ferrol en materia de investimentos para a mellora da sanidade».
«O saneamento do rural, a cargo de Augas de Galicia, conta con nome e apelidos nos orzamentos, pero só ten asignada unha partida de 3,1 millóns de euros para 2025».
«Non hai ningunha partida prevista para 2026, o que deixa no aire a continuación do proxecto nos próximos anos, a pesar de que o goberno autonómico comprometeuse recentemente a telo rematado antes de 2027 (nos presupostos, pola contra, figura como obxectivo o 2028). A falta de financiamento a longo prazo xera incerteza sobre se os prazos prometidos se poderán cumprir, o que é inaceptable para unha infraestrutura tan necesaria para as parroquias rurais de Ferrol».
«A situación do parque de bombeiros de Ferrol tamén é preocupante. A pesar das promesas de comarcalización para mellorar a cobertura de emerxencias, a Xunta asignou a mesma partida orzamentaria para 2025 que en 2024, sen avances significativos na súa execución. Esta falta de progreso pon en perigo a seguridade da cidadanía en caso de emerxencias».
Angel Mato, portavoz do Grupo Socialista de Ferrol, cualificou os orzamentos da Xunta como «decepcionantes» e criticou «que se repiten as mesmas partidas ano tras ano sen executar nin un só céntimo, ao que se engade a falta de concreción nos supostos grandes investimentos en vivenda e infraestruturas deportivas, que non aparecen nos orzamentos».
O Grupo Municipal Socialista esixe á Xunta de Galicia «un compromiso real e sólido con Ferrol. Os orzamentos autonómicos para 2025 non só son insuficientes, senón que demostran unha planificación deficiente que afectará gravemente ao desenvolvemento económico, social e sanitario da cidade».