Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, cualificou os orzamentos da Xunta 2025 para Ferrol como «uns orzamentos ineficaces, antisociais, que benefician os máis ricos, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan».
Rivas explicou que «os orzamentos da Xunta en Ferrol son como o día da marmota, todos os anos repiten os mesmos investimentos porque todos os anos quedan sen executar».
«Cada ano o Goberno do PP anuncia millóns de euros en investimentos para a cidade que nunca se executan e que volven a consignar nos orzamentos do ano seguinte».
«Pero ademais o certo é que desde o PP levan tantos anos repetindo os mesmos anuncios que esquecen a realidade da cidade, e por tanto as necesidades reais que teñen os veciños».
Saneamento no rural
Rivas, aclarou que «si hai un exemplo desta práctica e da propaganda da Xunta de Galiza e do PP en Ferrol é o saneamento no rural».
«Nos orzamentos da Xunta de Galiza para 2024 existían 0,4 millóns de euros, en anos anteriores consignáronse cantidades tan diversas que van desde os 300.000 euros até os 2,5 M, e incluso o actual Alcalde aseguraba que existían consignación plurianual por valor de 12 M de euros en 2019. A realidade é que o saneamento do rural segue a ser unha idea, sen convenio e para a cal non temos nin proxecto construtivo».
«O mesmo podemos dicir respecto dos investimentos na área sanitaria de Ferrolterra e no CHUF, un “clásico” dos orzamentos da Xunta do PP , que leva décadas prometendo estas obras ao mesmo tempo que pecha consultorios ou servizos como o de pediatría en Cedeira, mantén infraestruturas obsoletas e sen duchas como o extremo Sur do Arquitecto Marcide, instalacións infrautilizadas como o Hospital Militar ou o Novoa Santos e incrementa as listas de espera na atención primaria».
Rivas salientou, ademais, «a distancia que hai entre as necesidades máis inmediatas dos veciños e os gobernos do PP, que son unha máquina de facilitarlle o negocio ás concesionarias de servizos públicos precarizando o servizo e as condicións laborais dos traballadores».
SAF, uns orzamentos antisociais
Así o portavoz nacionalista advertiu que «estamos diante duns orzamentos antisociais que continúan a infrafinanciar servizos fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nunha cidade como Ferrol, onde este é un servizo cada vez máis demandado e máis necesario, ao mesmo tempo que nestes orzamentos de 2025 o PP non dubida en incrementarlle a presión fiscal aos veciños a través dunha suba do canon de SOGAMA de máis do 65%».
Ensino
O portavoz nacionalista puxo de relevo a situación do ensino na cidade como «outro dos exemplos da absoluta indiferenza do PP diante dos problemas da veciñanza».
«E así, despois de provocar para este curso 2024- 2025 a maior vaga de recorte dos últimos anos nos centros de ensino da cidade o PP non dubida en dar unha solución aos compromisos adquiridos coa comunidade educativa de centros como o Concepción Arenal ou o IES de Ferrol Vello par a renovación das súas instalacións». «Necesidades tan básicas que obrigan a desprazar aos alumnos a FIMO por carecer de pavillón no caso de Ferrol Vello ou a padecer goteiras no centro de ensino no caso do Concepción Arenal.«
«Unha Xunta de Galiza que no canto de facilitar os medios necesarios para a práctica docente fai xustamente o contrario e recorta recursos, neste caso docentes, comprometendo a posibilidade de ofrecer ao alumnado unha educación de calidade nos termos que establece a normativa vixente».
Transporte público, uns orzamentos ao servizo das concesionarias.
«Outro exemplo é a situación na que se atopa o transporte público na cidade e que para o PP non existe produto do seu esforzo por gardarlle as costas ás concesionarias dos servizos».
Rivas, advertiu «da caradura dun PP que anuncia 100.000 euros para unha estación intermodal que sabe que non se vai a executar mentres obvia a realidade que viven cada día a veciñanza e os traballadores do transporte público na cidade».
«O PP mira cara outro lado diante da precariedade do transporte público mentres os veciños e veciñas fan cola todos os días na Estación de Autobuses para acudir aos seus lugares de traballo ou estudo produto dunha concesión que o PP se nega a modificar ou a cancelar e se pon do lado da concesionaria do transporte urbano mentres os traballadores levan en folga desde agosto».
Vivenda, un modelo baseado na especulación
Respecto da política de vivenda, Rivas lembrou que «Ferrol experimentou un crecemento dos alugueiros nestes dez últimos anos de máis do 60%, de 300 euros en 2014 a 493 euros en 2024. Durante todos estes anos o PP fomentou este crecemento do prezo dos alugueiros e agora anuncia a construción de vivenda no Bertón»
«O PP esqueceu a vivenda e o Bertón durante os últimos 15 anos. Precisamos medidas a curto prazo, non negocio para os de sempre».
«A medida estrela do PP é baixar impostos ás grandes fortunas, construtoras e fondos voitre que decidan construír pisos para alugar ao prezo que lles pete. Non hai ningún requisito para que este tipo de rebaixas vaian dirixidas a alugueiros a prezos asumíbeis, senón que favorecen a especulación e a quen xa ten recursos».
«As contas de 2025 non teñen ningunha medida efectiva para mellorar o acceso a vivenda no curto e medio prazo e, mentres tanto, o PP segue boicoteando que os concellos poidan adoptar a declaración de zona tensionada para pór topes ao alugueiro tal e como aconteceu no pleno municipal do mes pasado».
Por último o portavoz nacionalista quixo saber «onde quedaron os anuncios da rehabilitación da Casa de Carvalho Calero, da declaración do peirao como zona franca, ou a política industrial que ía promover o PP desde a Xunta de Galiza».