Psoe Ferrol denuncia unhas «subidas masivas de impostos»

«Ademais da subida da auga, o canon de Sogama ou os comedores escolares, agora soben o recibo do IBI».

O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia con firmeza «a política fiscal imposta polo goberno de José Manuel Rey Varela, que está a someter ás familias ferrolás a unha presión fiscal desmedida». «As subas de impostos e taxas, sen ningún criterio de progresividade, afogan economicamente aos cidadáns, mentres o alcalde prioriza encher as arcas municipais e exime a institucións como o Sergas de cumprir coas súas obrigas».

O Partido Popular «aprobou unha subida do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e doutras taxas sen ter en conta os recursos dos cidadáns. Esta decisión penaliza ás familias ferrolás de xeito indiscriminado, obrigándoas a asumir uncusto fiscal excesivo nun contexto económico aínda marcado pola pandemia e a guerra en Ucraína». Desde o Grupo Socialista, consideramos que «esta subida é inxusta e desproporcionada, sobre todo porque non vai acompañada de melloras nos servizos públicos».

O goberno de Rey Varela tamén aprobou «un incremento do 40% no recibo da auga, xunto coa subida de taxas como o canon de SOGAMA e o prezo dos comedores escolares. Estas medidas supoñen unha auténtica «multa» para todos os cidadáns, mentres o Sr. Rey Varela fai todo o contrario do que criticaba cando estaba na oposición».

«A política fiscal de Rey Varela non só castiga ás familias, senón que busca compensar os gastos engadidos polo seu goberno, como a contratación de 11 asesores. Mentres os veciños pagan máis, o Sr. Rey Varela incha o seu equipo, sen xustificación clara nin beneficio directo para os cidadáns».

«Resulta aínda máis indignante que, mentres os ferroláns están obrigados a pagar máis pola auga e polo IBI, o Sr. Rey Varela firme convenios coa Xunta de Galicia para eximir ao Sergas do pago destes impostos. Esta decisión pon de manifesto que o goberno local non está a defender os intereses da cidadanía, senón a beneficiar a determinadas institucións en detrimento das familias».

«É inconcibible que o Sr. Rey Varela siga intentando chegar a acordos co Concello de Narón por unhas débedas que xa están claras e que este concello debe asumir. Non hai nada que negociar. O que Narón ten que facer é pagalas de inmediato e non seguir demorando un proceso que prexudica a Ferrol. Mentres tanto, son os veciños de Ferrol quen pagan máis pola auga e outros servizos».

O Grupo Municipal Socialista insta ao Sr. Rey Varela «a reconsiderar assúas políticas fiscais e a explorar outras alternativas antes de seguir afogando economicamente ás familias de Ferrol». «Non podemos aceptar que a súa mala xestión se traduza en máis impostos e taxas para os cidadáns, mentres privilexia a certas entidades e mantén unha estrutura de goberno inflada e inxustificada. Ademais, esiximos que se resolva de inmediato o cobro da débeda de Narón, sen máis dilacións».

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …