O Grupo Municipal Socialista de Ferrol criticou ao Partido Popular (PP) «pola súa incoherencia, xa que aprobou recentemente a Axenda 2030 mentres segue a implementar políticas que van en contra dos seus principios».
Xa no goberno de Angel Mato «o PP de Rey Varela rexeitara o PMUS, un documento cuxas medidas coinciden nun 70% cos obxectivos da Axenda 2030. A negativa do PP a aprobar o PMUS provocou a perda de 1,7 millóns de euros do programa EDUSI para a remodelación do primeiro quilómetro da estrada de Castela».
«Neste Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) o Partido Popular presentou unhas alegacións que eran un copia e pega das presentadas no Concello de Áviles, mostrando un desprezo total polas políticas de sostibilidade e protección do medio ambiente promovidas pola Axenda 2030».
«No seu primeiro ano de goberno, o PP de Rey Varela tomou unha serie de medidas que van en contra da Axenda 2030 que acaban de aprobar, por poñer algúns exemplos»:
«Reabriu ao tráfico na Praza de Armas e nas rúas Terra e Rubalcava cando xa eran espacios peonís aceptados pola cidadanía».
«Ademais, modificou o proxecto da rúa Igrexa para crear un aparcadoiro ridículo que invade os carrís de circulación á altura do Teatro Jofre».
«Talou árbores na Praza de Amboaxe, no Cantón e no Inferniño sen repoñer ningún dos exemplares, xa por non falar da tala indiscriminada que se fixo no antigo Polvorín de Mougá, agora de propiedade municipal e do que non se trasladou ningunha documentación que en reiteradas ocasións solicitou o grupo socialista de Ferrol».
«Ademáis non se implementou o establecemento da Zona de Baixas Emisións, en cumprimento da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética para as cidades de máis de 50000 habitantes. Ferrol é unha das poucas cidades galegas que aínda non tomou ningunha medida ao respecto».
«O portavoz socialista Ángel Mato reclama un plan de renaturalización da cidade, no que se debería traballar na procura de espazos verdes de uso público para a cidadanía no entorno urbano, a ampliación das zonas peonís e circuítos para o paseo, ou a rexeneración do litoral da enseada da Malata, ata a Graña».
«Temos que repoñer a riqueza arbórea que tivemos no pasado, incorporar as árbores aos entornos urbanos, dotar de zonas verdes os barrios da Magdalena, Inferniño, Esteiro ou Ultramar e mellorar as zonas libres de tráfico. Desde a chegada do PP ao goberno, o medio ambiente urbano empeorou notablemente, todas aquelas decisións que se tomaron van xusto en contra das políticas ambientais que propón a Axenda Urbana e a UE».
O Grupo Municipal Socialista insta ao PP «a actuar con responsabilidade e coherencia, apoiando medidas que realmente contribúan aos valores que promulga a Axenda 2030, que van moito máis ala dunha simple declaración de intencións..»