O Partido Socialista celebra este venres en Ferrol os 175 anos do nacemento de Pablo Iglesias

O PSOE celebrará este venres, día 17, en Ferrol, en colaboración con UGT, o acto central a nivel estatal co que ambas organizacións conmemoran o 175 aniversario do nacemento do seu fundador. O evento enmárcase dentro do programa do centenario da morte de Pablo Iglesias Pose (Ferrol, 17 de outubro de 1850-Madrid, 9 de
decembro de 1925). Terá lugar no parque que leva o seu nome, no seu barrio natal de Esteiro, e comezará ás 12.00 horas.

Placa primitiva desaparecida

Con motivo deste acontecemento, descubrirase a réplica da placa na honra de Pablo Iglesias que en 1927, tras o seu falecemento, se colocou na fachada do antigo Concello, situado no cantón de Molíns. A peza, sufragada a través das achegas da militancia socialista da cidade, reproduce fielmente a obra do escultor e profesor da Escola de Artes e Oficios Agustín López Mirás. Recreouse a partir de fotografías que o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, descubriu durante unha visita á oficina técnica de Navantia.

A placa orixinal, de bronce, desapareceu en 1936. Foi retirada do seu emprazamento e, segundo apuntan diversas fontes históricas, posteriormente fundida. A calidade das imaxes conservadas no estaleiro permitiu copiala con total fidelidade.

A obra ocupará un lugar preeminente durante o acto deste venres. O Partido Socialista sinala nun comunicado que  
«descartou instalala debido a que a única opción que propón o goberno local do PP é un lugar no que se atopa un monolito vandalizado, semienterrado e próximo a unha árbore seca, un sitio indigno e con mínima visibilidade. Non ocupará un espazo público mentres o goberno municipal non facilite un lugar axeitado, conforme o respecto que merece unha figura de tal relevancia non só para a cidade e o socialismo, senón para a historia do país».

Así son as posibles situacións que suxeriu a Agrupación Socialista, unha delas no mesmo parque de Pablo Iglesias.

Ampla representación do PSOE e da UGT

A celebración deste venres contará cunha ampla representación do PSOE e da UGT, ademais de representantes de diferentes entidades da cidade, de Galicia e de España. Asistirán a presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol e a presidenta da Fundación Pablo Iglesias, María Luisa Carcedo. O secretario xeral da Agrupación Socialista ferrolá,

Tamén estarán presentes, entre outros, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o secretario xeral da Agrupación Provincial, Bernardo Fernández Piñeiro; o secretario de Exterior do PSOE, César Mogo; o secretario de Memoria Democrática, Manuel G. Salgado, e a adxunta á secretaría de Organización e secretaria de Coordinación Territorial do PSOE, Anabel Mateos.

Ángel Mato, introducirá o acto, no que intervirán o secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez; a secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral da UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros.

Ferrol, Lugar de Memoria

A cerimonia coincide coa confirmación de que a cidade de Ferrol será declarada Lugar de Historia Democrática, en razón do seu protagonismo na loita polas liberdades xa desde o século XIX. O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, avanzou na mañá deste xoves durante a súa visita a Galicia que o Boletín Oficial do Estado publicará o vindeiro 4 de novembro o anuncio da incoación do procedemento.

Lea también

Presentado el cartel de la Semana Santa Ferrolana 2026

La presentación del cartel de la Semana Santa de Ferrol 2026,  que siguiendo con el …