Unanimidade en Narón para ampliar o prazo de alegacións ó PXOM

A corporación local naronesa aprobou este martes 9 nun pleno extraordinario ampliar un mes o prazo de alegacións derivado da exposición pública do PXOM.

O goberno local realizou entre os meses de maio e xuño reunións informativas en todos os barrios e parroquias da zona urbana e rural, coa asistencia ás mesmas de persoal do goberno local e do equipo redactor; a documentación permanece exposta ao público dende a aprobación inicial do documento, para o que se elaboraron uns modelos de alegación e tamén se habilitou atención individualizada en horario de mañá e tarde no Concello, tarefa esta última que se levou a cabo, a día de hoxe, en 29 xornadas e que se contemplou ata o 15 deste mes, tal e como recordou o presidente da comisión de seguemento do Plan de Urbanismo, o edil Manuel Ramos.

Tralo acordo plenario a exposición pública e o período de alegacións continuarán durante un mes máis.

O concelleiro recordou que todos os trámites que require para a aprobación inicial contaron co apoio dos tres grupos da oposición, que o pasado mes de abril votou a favor da aprobación inicial do PXOM e que previamente tivo a oportunidade de realizar as consideracións oportunas, ao recibir o pasado mes de novembro toda a documentación do PXOM e participar previamente en catro comisións de seguemento do citado plan.

Dende o goberno local recordouse ademais que a situación do solo de protección forestal deriva da lei aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2016, sobre a que non se informou á veciñanza por parte do equipo redactor nin do goberno autonómico como si se fai en Narón. “É unha medida que afecta a todos os concellos de Galicia”, recalcou Ramos.

Pola súa banda, a alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu na transparencia coa que se levou a cabo este procedemento dende o Concello. “Queren que sexa o mellor documento para as veciñas e veciños de Narón e nin sequera tiveron a dignidade de plantexar esta ampliación ao grupo de goberno, o que podería evitar ter que celebrar este pleno extraordinario. Se tiñan constancia de que había tanta xente que necesitaba máis tempo, que a nós non nos consta, chegaría con decírnolo e non teriamos chegado a este punto”, asegurou a rexedora local.

Ferreiro animou unha vez máis á cidadanía a que “presenten as alegacións que consideren oportunas no caso de que vexan que o plan é mellorable” e tamén a que soliciten no Concello a información necesaria do documento ao persoal técnico.

Lea también

A Biblioteca de Narón acolle a presentación da novela Terpeno de Emilio Tresgallo

A Biblioteca municipal de Narón acolle o vindeiro día 11 a presentación de Terpeno, de …