A tradicional Travesía a Nado Ría de Ares celebra a súa XXVII Edición

Alma Barrón, concelleira de Deportes, Victoria Jiménez, presidenta do Club Natación de Ferrol, e Javier Sánchez, técnico deportivo municipal, presentaron este martes 9 na casa consistorial de Ares a nova edición da Travesía a Nado Ría de Ares, unha proba que xa vai polo seu vixésimo sétimo ano e que se atopa entre os principais eventos deportivos do verán na localidade xunto coa clásica Milla Urbana.

Os representantes das entidades involucradas detallaron o funcionamento desta Travesía que se organizará a partir das 17:30 horas do sábado 20 de xullo, na Rampla Grande de Ares, enchendo así a contorna de nadadores e visitantes.

A proba contará un ano máis cunha ampla mostra de categorías, dende crianzas a máis maiores, e tamén variabilidade nas distancias: dos 100 metros da categoría popular aos 1.000 metros da distancia máis longa.

Como en anteriores edicións, entregaranse trofeos aos gañadores absolutos tanto en categoría masculina e feminina, así como ao nadador máis mozo e o máis veterano. E na categoría popular, habilitada para todas as idades, haberá medallas para todos os participantes.

Deste xeito, habilitáronse 150 prazas a cubrir de xeito telemático a través da web municipal www.concellodeares.gal, enchendo o formulario que se atopará dispoñible no apartado correspondente. O proceso de inscrición estará aberto ata o xoves 18 de xullo, ás 9:00 horas.

No caso de non esgotar todas as prazas consignadas, o mesmo día da proba, de 16:00 a 17:00 horas na Rampla Grande de Ares, as persoas interesadas poderán reservar as sobrantes por orde de chegada á mesa de dorsais. O prezo establecido é de 3 euros para todas as categorías agás a popular, con participación de balde.

Como informan dende a organización, establecerase unha zona de avituallamento frío e quente con froitas, barritas enerxéticas e bebidas isotónicas.

Aproveitando a presentación no consistorio de Ares, o Concello traslada o seu agradecemento a todas as entidades que colaboran para facer posible a proba deportiva: dende Serviocio BeOne ao Club Natación Ferrol, Supermercados Froiz, Protección Civil de Ares, o Club Marítimo de Redes e o Club Náutico de Ares.

Lea también

Tres puntos muy luchados para el Valdetires Ferrol en Cáceres

Hasta casi el último segundo tuvo que sufrir el Valdetires Ferrol para conseguir la victoria …