Padroado da Cultura de Narón e Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, organizan un completo programa para celebrar o Samaín

Na tarde do venres (31) da vindeira semana comezarán a desenvolverse as diferentes propostas, a partir das 17.00 horas. Poderase ver unha exposición de cabazas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares da cidade a través dun obradoiro impulsado dende o Padroado da Cultura e tamén a esa hora comezarán uns obradoiros de cabazas e maquillaxe nos que poderán participar as persoas que o desexen.

Ás 19.00 horas dará comezo unha actuación musical a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona e ás 20.00 horas, como é tradicional nesta data, sairá das inmediacións do local social a “Comitiva de Luces e Tebras”, un percorrido “terrorífico” de aproximadamente quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo e no que os caminantes portarán candeas para alumear na escuridade.

A programación inclúe ás 20.30 horas o Obradoiro do Medo, unha proposta para menores ata 12 anos que terá lugar na Escola de San Mateo. A amenización nocturna do Samaín correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura, cuxa actuación comezará ás 21.00 horas.

Un ano máis, non faltarán nesta cita o afamado caldo e os liscos que prepararán representantes da Agrupación Veciñal de San Mateo e que se servirán ás persoas que desexen degustalos a un prezo simbólico de dous euros e medio. Os tickets poderán adquirirse na zona da carpa, tal e como indicaron os representantes da entidade veciñal.

A alcaldesa e os representantes da AVV San Mateo animaron á cidadanía a achegarse á parroquia para desfrutar da celebración do Samaín, “mantendo viva unha cita de orixe celta coa que se celebra o comezo do inverno e o inicio do Ano novo celta”.

Ferreiro destacou a implicación da veciñanza de San Mateo nesta convocatoria “que ano tras anos reúne a centos de persoas ao longo do día, de todas as idades e chegadas de Narón e tamén doutros concellos da zona”.

Doutra banda, dentro da programación entorno ao samaín, o vindeiro mércores 29 de outubro terá lugar no Pazo da Cultura a proxección do filme “Coco”, de Adrián Molina, gañadora do Óscar á mellor película de animación no ano 2017.

As entradas son de balde e poderán retirarse na taquilla do Pazo da Cultura.

Lea también

Narón pecha o ano formativo con novas acreditacións en áreas clave da industria e do comercio

O Concello de Narón celebrou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, a …