O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) levarán a cabo unha Xornada de Sinerxía Científica no salón de graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. Este evento desenvolverase o próximo 5 de xuño en horario de 10:00 a 17:00 horas e incluirá almorzo e xantar para as persoas asistentes.
A xornada, deseñada para promover a colaboración interdisciplinar, ten como obxectivo atopar solucións matemáticas eficaces a problemas complexos de enxeñaría. As prazas para este evento son limitadas, cun máximo de 45 participantes, e require inscrición previa.
Unha xornada de conexión matemática e tecnolóxica.
Rosa María Crujeiras Casais, directora científica do CITMAga, destacou a importancia da colaboración transdisciplinar e o papel central que desempeña o CITMAGA na investigación e o desenvolvemento: “desde o CITMAGA facemos unha clara aposta por xogar un papel vertebrador no sistema de I+D+i, abríndonos á colaboración con outros centros –entre os que o CITENI é un aliado estratéxico, que suma valor en varios dos programas de investigación da nosa axenda científica–, aos que esperamos poder achegar coñecemento matemático de fronteira para abordar de xeito exitoso problemas do ámbito industrial. Neste senso, tamén achegamos a nosa experiencia desde o ITMATI, a nosa unidade de transferencia de resultados da investigación”.
Armando Yáñez Casal, director científico do CITENI, subliñou a relevancia de integrar coñecementos matemáticos avanzados no campo da enxeñaría para mellorar o desenvolvemento tecnolóxico: “A enxeñaría ten entre os seus obxectivos realizar procesos para obter produtos que melloren a sociedade no seu conxunto e a calidade de vida das persoas. Entender e predicir matematicamente o seu funcionamento é imprescindible para validar deseños e avaliar e mellorar o seu comportamento en servizo. A matemática forma parte da base de coñecemento da enxeñaría, pero non sempre coa intensidade e rigor de quen centra nas matemáticas a súa actividade investigadora. Facilitar a aplicación dos últimos resultados e avances da investigación matemática do CITMAga aos problemas de enxeñaría que se abordan desde o CITENI é a motivación principal desta xornada”.
Esta iniciativa de colaboración científica concibiuse como un punto de encontro e de referencia co obxectivo de xerar sinerxías entre a enxeñaría e as matemáticas que poderían transformar a maneira en que abordamos os desafíos industriais actuais.
Un comentario
Pingback: Noticias sobre el sector naval en Galicia. 04 07 2024 - Delegación del COIN en Galicia -