“XVII Concentración Moteira Cidade de Narón” e “XIII Xornadas de Turismo Activo”

A cidade acollerá a vindeira fin de semana, do 31 de maio ao 2 de xuño unha nova edición, a décimo sétima, da Concentración Moteira Cidade de Narón organizada polo Motoclub Fojeteiros, en colaboración co Concello.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, presentaron o evento acompañados por José Luis Bouza e Ana González, presidente e secretaria, respectivamente, do Moto Club Fojeteiros.

A concentración inaugurarase o venres 31 ás 18:00 horas, coa apertura das inscricións, un mercadillo moteiro, unha cea baixo a carpa que se instalará no paseo de Xuvia e un concerto dos grupos Keepers e América.

Na xornada do sábado a programación continuará a partir das 9:00 horas, cun almorzo baixo a carpa e coa apertura de inscricións ás 10:00, momento no que tamén se iniciará o mercadillo moteiro e ás 11:00 horas partirá unha ruta mototurística cara a Cedeira, no marco das “XII Xornadas de Turismo activo”; un xantar na carpa ás 14:00 horas a base de empanada galega e paella tralo regreso do percorrido e, ao remate, unha exhibición de trial no paseo de Xuvia a cargo de Spartan Bike Show, Juanda de la Peña e Víctor Palomares.

Pola noite poderase cear tamén no paseo de Xuvia churrasco e criollos ás 21:00 horas e despois procederase á entrega de trofeos para, ás 23:30 horas, iniciar o desfile dos fachos pola estrada de Castela, unha ruta que estará videovixiada para denunciar ante as autoridades no caso de que se incumpla o regulamento que prohíbe expresamente calquera exhibición de aceleróns, cabalinos, queima de rodas ou calquera acto que altere a orde pública.

De volta ao paseo de Xuvia, sobre as 00:30 horas, dará comezo a gran festa moteira, a cargo de Gin Toni´s e Josy da Graver.

Finalmente, o domingo ás 10:00 haberá un almorzo moteiro en Xuvia e ás 11:30 sairá a segunda ruta mototurística desta edición, nesa ocasión por San Jorge, Doniños, a zona portuaria e o Arsenal de Ferrol. Ás 13:00 horas Josy da Graver amenizará a sesión vermú en Xuvia e ás 14:30 comezará o xantar baixo a carpa, a base de langostinos á prancha e xamón escaldado. A concentración rematará ás 16:00 horas.

Dende a organización sinalaron que a día de hoxe xa hai preto de 300 moteiros inscritos nesta edición, que como cada ano reunirá na cidade a centos de visitantes afeccionados ao mundo do motociclismo.

As persoas que se queiran preinscribir poden facelo abonando 45 euros ata o día 26 deste mes, ata completar o aforo de 450 persoas, ou inscribirse os propios días do evento para acudir a todas as propostas por 50 euros ou a almorzos, comidas e ceas soltas, dado que os concertos e as exhibicións son de entrada libre. Haberá tamén unha zona de acampada nas instalacións do colexio Ponte de Xuvia, de balde para os inscritos.

Para tramitar as inscricións pódese contactar coa organización a través do número de teléfono 697 269 102 ou do correo electrónico: presidente@motoclubfojeteiros.com.

Dende o Motoclub Fojeteiros agradeceron a colaboración do Concello de Narón, e ao igual que dende o Consistorio, incidiron na importancia de cumprir o regulamento moteiro para que o evento se desenvolva coas máximas garantías de seguridade tanto para os moteiros e moteiras como para o público en xeral.

Pola súa banda, a alcaldesa, felicitou aos Fojeteiros polo seu labor e por contribuír “para manter na nosa cidade o que é un dos eventos deportivos que máis afeccionados reúne cada ano, chegados de diferentes cidades para desfrutar dunha completa programación”.

Lea también

O grupo Elefantes ofrecerá un concerto en As Pontes, con motivo do seu 30º aniversario.

Elefantes celebra 30 anos de traxectoria musical ás súas costas e fano subíndose aos principais …