A concellería de deportes de Cabanas informa que o prazo de inscrición para participar nos campamentos deportivos da Deputación da Coruña remata o vindeiro martes 28 de maio. Poderán participar rapaces de entre 9 e 14 anos xa cumpridos (nados entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2015).
A Deputación da Coruña ofrece á rapazada deste rango de idade a posibilidade de realizar un amplo programa de actividades deportivas e culturais: deportes náuticos, actividades ao aire libre, xornada de praia, actividades no centro, visitas culturais, deportivas e etnográficas.
Realizaranse actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Tamén se visitarán centros de interese cultural da provincia da Coruña. O único material que a Deputación da Coruña establece como obrigatorio é o saco de durmir.
A sede do Campamento será no IES Rosalía Mera (Rúa Archer Milton Huntington, 24, A Coruña).
Ó Concello de Cabanas correspóndelles 3 prazas na 2ª quenda, que será do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2024. A entrada dos rapaces na instalación será o domingo 30 de xuño entre as 18:00 e as 19:30 horas e a saída o venres 5 de xullo entre as 16:00 e as 17:00 horas. A cota de inscrición é de 85 euros.
As inscricións realizaranse no Rexistro do concello onde o rapaz estea empadroado. Terá preferencia a rapazada que non participase nos campamentos deportivos da Deputación en edicións anteriores.
No suposto de ter máis solicitudes que número de prazas concedidas pola Deputación, realizarase un sorteo público diante da Secretaria municipal para adxudicar as ditas prazas (no caso de ter que realizarse sorteo, chamarase ás familias para informarlles do día e da hora da súa realización).
Para formalizar a inscrición será necesario entregar no Rexistro municipal do Concello de Cabanas a seguinte documentación:
-Ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos dous proxenitores ou, de ser o caso, pola persoa representante legal.
-Fotocopia do carné de identidade ou libro de familia e tarxeta sanitaria do rapaz.
-No caso de ter tratamento ou doenza haberá que achegar informe médico no que se indiquen cuestións relativas aos tratamentos médicos periódicos, intolerancias e outras consideracións de saúde a ter en conta
A copia do aboamento da cota de inscrición farase cando se confirme a praza. Toda a información sobre esta convocatoria, así como a ficha de inscrición está dispoñible no seguinte enlace: https://www.dacoruna.gal/deportes/campamentos-deportivos.