Cedeira licita a subministración dun punto limpo móvil para a recollida de residuos

O Concello de Cedeira acaba de publicar o expediente de contratación da subministración dun punto limpo móvil para a xestión de residuos, un equipamento que ten un orzamento de partida de 25.410€ (IVE incluído) e que será financiado en gran parte cunha axuda de 19.350€ tramitada diante da Consellería de Medio Ambiente.

A administración local dotarase, a través deste procedemento, dun remolque que se poderá acoplar a algún dos vehículos de titularidade municipal, no que irá instalado o punto limpo, con bocas laterais polas que a veciñanza poderá depositar os diferentes residuos.

O obxectivo do Concello de Cedeira é seguir avanzando na mellora da recollida separada dos residuos. Xa existe un punto limpo no polígono da Xunqueira, ao que se poden levar enseres os mércores de 16.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 14.00h, porén este novo servizo será itinerante e facilitará o depósito á veciñanza das diferentes parroquias.

Unha vez que estea en funcionamento, o Concello anunciará cando e donde estará estacionado o remolque, que especialmente habilitado para recoller restos de pintura ou disolventes, tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, baterías e acumuladores, equipos eléctricos e outros materiais, a través das 14 bocas situadas nos seus laterais.

Cómpre recordar que tamén dispón Cedeira de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta e colectores de roupa e de aceite de cociña usado.

Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cedeira destacan que este é un novo equipamento que representa un chanzo máis na loita contra o depósito incontrolado de lixo nos espazos naturais do municipio e recordan que todos temos que tomar conciencia da importancia de coidar a natureza, entre outras cousas a través do depósito dos refugallos no lugar que corresponde.

O concurso para a compra deste novo equipamento convocase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o 7 de xuño para a presentación de ofertas.

O expediente de licitación está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …