O monólogo de Carlos Blanco ou as actuacións de Caamaño&Ameixeiras e Grande Amore salientan entre as propostas culturais para este verán. Tamén actuarán Terbutalina, Pepo Suevos e os veciños Daniel Bellón e Diego Maceiras xunto a Mamá Cabra.
O Concello de Fene vén de acollerse un ano máis á convocatoria da Rede Cultural da Deputación, solicitando dezaseis espectáculos que, xunto ás actividades contratadas con fondos propios e o programa Cultura no Camiño, conformarán boa parte da programación cultural prevista para este 2024. Trátase dun amplo abano de propostas dirixidas a todos os públicos.
No eido musical salientan os concertos de Iria Estévez, Os Cantaberneiros, Caamaño & Ameixeiras, Grande Amore, Ataque Escampe, A banda de Poi e Terbutalina. Tamén actuarán este ano os humoristas Carlos Blanco, Pepo Suevos, Leti da Taberna e Brais das Hortas.
En canto aos espectáculos familiares ou dirixidos ao público infantil, a Concellería de Cultura avanza espectáculos de Peter Punk, o mago Dani Polo, O Castiñeiro do Apalpador, Caxoto, Pablo Díaz, Magic Mateo e Bellón, Maceiras e Mamá Cabra. E no Museo do Humor Xaquín Marín, que este ano conmemorará o seu 40o aniversario, haberá tres exposicións de producción propia ao longo do 2024: as dos concursos Demo Pequeno e Premios Curuxa e a mostra internacional O Olimpo da Caricatura.