Sumrrá celebra en Freixeiro o seu 25º aniversario convidando a artistas sorpresa a subirse ao escenario

A banda máis internacional do jazz galego visita por terceira vez o festival Jazz de Ría para celebrar sobre o escenario do Parque Freixeiro-Narón un cuarto de século sobre os escenarios, e quere facelo convidando a amizades do mundo da música a subirse con eles ao palco. Non desvelarán os nomes ata a mesma noite do concerto e aseguran será unha auténtica festa de jazz e amizade.
 

sumrrá-Jazz de ria

Co espectáculo Sumrrá & Friends_25 aniversario o trío de jazz formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaxista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido, celebra centos de concertos compartidos, sete discos publicados e o respecto que lle profesan o público e a crítica internacional. Esa crítica adxudícalles adxectivos como “fascinantes, inclasificables, virtuosos, audaces e, por momentos, mesmo temerarios”. Sumrrá é unha formación que non deixa indiferente a ninguén, un grupo de culto convertido xa na banda embaixadora do jazz galego máis contemporáneo nos escenarios de todo o mundo. O seu concerto será o mellor peche posible para unha xornada intensa de actividade musical para todo tipo de públicos.

 O día arrancará en Xuvia con patrimonio, jazz e vermú swing
 
Visita musicada: Jazz e patrimonio industrial
O segundo día de festival comezará cunha proposta singular ás 11:30 horas no Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX), onde na compañía das guías do espazo farase un percorrido pola que foi a fábrica de fariñas máis importante do século XVIII; unha viaxe ao pasado industrial de Narón a través da historia do emprendedor Jean Lestache, figura clave no desenvolvemento da comarca no período da Ilustración. E entre a maquinaria dos muíños o público poderá gozar da música do acordeonista Fran Trashorras e o saxofonista Ismael Cives, que achegarán ao jazz melodías da música popular, nun perfecto diálogo co espazo e a historia.
 
Vermú swing: Bailar como nos anos 30
A mediodía, sobre as 13:00 horas, na Praza do Concello de Xuvia está organizado un vermú swing a cargo do colectivo vigués  Swing On, que naceu hai máis unha década co único obxectivo de celebrar a cultura jazz, creando espazos nos que poder desfrutar do baile e da música desde a inclusividade e a loita contra as desigualdades sociais. Neste vermú swing, faremos unha aula aberta de lindy hop para todos os públicos, para todas as idades, divertida e sinxela para quen xa sabe bailar un chisco e tamén para quen move os pes por primeira vez. Despois, tanto para quen queira seguir bailando como para quen prefira escoitar boa música desde a terraza dalgún dos bares de Xuvia, teremos unha sesión inspirada no que foron as noites do Savoy Ballroom no Harlem dos 30, salpicadas de hot jazz, bebop, hard bop, ou jump blues.

 Tarde en Freixeiro con obradoiros e concertos
 
Obradoiro de reciclaxe: Un xilófono xigante feito con botellas plásticas
Pola tarde, no Parque Freixeiro, antes de que comecen os concertos de Alba Armengou Trío, Diego Alonso 5tet_Nihil e Sumrrá & Friends 25º Aniversario, a Escola da Vaca impartirá a partir das 17:00 horas un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo, que xa é un dos clásicos da tarde do sábado no festival. Esta escola, con base en Ferrol e con máis de 25 anos dedicados á formación musical, comezou hai uns anos a desenvolver estes obradoiros de reciclaxe como xeito de concienciar dun xeito lúdico sobre a cantidade de refugallo que xeramos. Este ano fabricarán un xilófono xigante circular empregando botellas de auga de distintos tamaños. O obradoiro está dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos. 
 
Obradoiro de podcast colaborativo con ‘Ábrete de Orellas’
Tamén en Freixeiro, durante toda a tarde, Pepe Cunha, director do programa musical Ábrete de Orellas, guiará esta actividade de participación libre para quen queira experimentar coa comunicación e a crónica musical. Este obradoiro está aberto a todas as persoas con curiosidade por contar e escoitar historias arredor do jazz. Aprenderemos a gravar, a entrevistar e a construír un relato colectivo que recolla a esencia do festival, e que despois se editará como un podcast especial do Jazz de Ría. Ábrete de Orellas foi galardonado en dúas ocasións co Premio Martín Códax da Música a mellor Espazo de Comunicación Musical.
 
Ás 19:00 horas darán comezo os concertos. A primeira en subir ao palco será a talentosa cantante e trompetista catalá Alba Armengou, que presentará Blancos y Grafitos, o seu segundo traballo discográfico no que se une ao guitarrista Vicente López e ao percusionista e cantante Tramel Levalle para fusionar a canción de autor e o folclore latinoamericano. O que nos regalará esta novísima intérprete de jazz da escola de Joan Chamorro é unha combinación de voces, trompeta, percusións e guitarra cos que crea un repertorio de paisaxes sonoras cheas de dinamismo e delicadeza, unha celebración do feito musical en si e unha invitación a descubrir detalles e emocións, en ocasións ocultos, verdadeiramente orixinais.

Sobre as 20:30 horas chegará o quinteto de jazz liderado polo saxofonista vigués Diego Alonso, para sorprender ao público coa sonoridade innovadora e o transfondo filosófico de Nihil, o seu primeiro álbum como compositor nomeado como finalista dos XI Premios Martín Códax da Música no ano 2024. Xunto a Virxilio Da Silva na guitarra eléctrica, Xan Campos no piano, Pablo Patiño ao contrabaixo e Antón Quintela na batería abordará un repertorio inspirado no existencialismo de Jean-Paul Sartre, a modernidade líquida de Zygmunt Bauman, a teoría da aleatoriedade de Jacques Monod e a visión de Friedrich Nietzsche.
 
E pechando, arredor das 22:00 h. os indescriptibles Sumrrá e a súa gran festa de aniversario, completarán o estimulante programa da xornada de mañá sábado antes de poñer rumbo da Neda o domingo.
 
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).

Lea también

La Coral Polifónica Ferrolana “A Magdalena” participó en las Vísperas de la Asunción, en Mondoñedo

La diócesis de Mondoñedo-Ferrol celebró con gran gozo la festividad más importante del año en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *