A Ópera Studio de Cedeira chega este verán á súa cuarta edición con novos retos

Ademais dunha ópera de pequeno formato producirase o oratorio “Te Deum” de Charpentier e outros recitais que logo poderán chegar a outros escenarios.

A Ópera Studio de Cedeira chega este verán á súa cuarta edición con novos retos. A iniciativa segue a ser a única en Galicia neste formato e a rodaxe de anteriores anos confirmou que verdadeiramente funciona como fórmula para a aprendizaxe e trampolín de lanzamento de novas carreiras profesionais. Desta volta, a iniciativa transfórmase nun festival no que ademais dunha ópera de pequeño formato, produciranse e estrearanse o oratorio “Te Deum” de Charpentier e outros recitais e concertos de música lírica. E todo o que se leve diante do público en Cedeira será grabado para poder promocionarse e chegar a outros escenarios.

O Festival Ópera Studio Cedeira vai desenvolverse do 19 ao 29 de agosto coa colaboración do Concello. Xa están seleccionadas as voces e instrumentistas, así como o profesorado e equipo de produción da obra “The Fairy Queen” de Henry Purcell. A estrea será o 29 no Auditorio Municipal, pero nos días anteriores tamén se vai estrear o oratorio “Te Deum” de Charpentier e outros recitais de música de cámara en diferentes locais de Cedeira. A vila, que presume do seu singular apego á música, vai respirar lírica durante as dúas últimas semanas de agosto.

Fran Pérez Piñón, unha das persoas que impulsa a Ópera Studio de Cedeira desde o seu nacemento, ademáis de solista especializado en música antigua, explica que este ano hai certa renovación nas voces que van participar e que algunhas das persoas que pasaron por anteriores edicións están acadando boas oportunidades para lanzar a súa carreira profesional. Cita o caso dunha vocalista que acaba de entrar na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis, considerada a mellor do mundo de música antiga.

A Ópera Studio preséntase como “formación musical para a vida profesional” e se está a confirmar como un trampolín para novos talentos da lírica. É tamén unha factoría da que saen espectáculos preparados para ofrecerse a programadores culturais, e esta é outra vertente que se quere promocionar.

Ainda que o programa en Cedeira comeza o 19, xa se levou a cabo un obradoiro de canto barroco en Redondela, a finais de xuño, coa profesora Magna Ferreira. Xunto con Fran Pérez, participan no equipo de produción Aida Lozano e Marcos Vieitez, este último a cargo da dirección escénica. Nicolás Ravelli é o director musical do oratorio “Te Deum”, a primeira estrea que se programa para o festival deste verán.

Lea también

Rambalaya tendrá su única actuación en Galicia este sábado en el teatro Jofre

La mejor banda de soul de España, Rambalaya, ha escogido el teatro Jofre como el …