A Área Sanitaria de Ferrol súmase un ano máis á conmemoración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra o vindeiro domingo 5 de maio, e realizou moi diversas actividades durante esta xornada.
O lema deste ano é: Por qué segue a ser tan importante compartir coñecementos sobre a hixiene de mans? Porque axuda a deter a propagación de xermes daniños na atención médica. A asistencia sanitaria e un ámbito no que se poden producir infeccións, e é por iso que a OMS lembra que o lavado de mans é a mellor opción para previr a propagación de xermes, e así combater calquera virus respiratorio e enfermidades gastrointestinais.
Unha de cada cinco infeccións respiratorias e unha de cada tres enfermidades diarreicas pódense previr cun axeitado lavado de mans, por iso é preciso insistir na relevancia de efectuar a hixiene das mans, cunha técnica correcta, nos momentos axeitados.
Existen cinco momentos no que profesionais de Medicina Preventiva, Esterilización, e Calidade, Cristina da Silva, Mari Aramburu e Silvia López, amosaron no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e polos andares de hospitalización.
Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente.
Aula Hospitalaria e lámpada de luz no día da Hixiene de Mans
A Área sanitaria ferrolá sempre incide na importancia da hixiene de mans para evitar infeccións neste día, e unhas mans xigantes tanto no Hospital Arquitecto Marcide como no Naval do Complexo recordaban este transcendental acto. A Aula Hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol tamén se sumaba a este día cun experimento: Isto pasa cando lavas as mans.
“Realizaremos un experimento con auga, pementa e xabón para poder observar e comprobar que é o que ocorre cando lavamos as mans e, polo tanto, sinalar a importancia desta acción. Xunto con isto, elaboraron tamén unha bolsa sensorial para limpar as mans, con xel e pompóns”. “Nela debuxamos as mans dos nenos, que deberán limpar sacando os pompóns, que representan os virus e bacterias”, contaba a mestra Sheyla Martínez.
Cantaron os pasos do lavado co baile das mans, traballando a importancia de lavar as mans e a forma en que se debe facer a través dunha canción que reproduce a secuencia dun correcto lavado de mans.
Por outra banda, nesta mesma xornada conmemorativa, Enfermaría do Servizo de Medicina Preventiva e a Supervisora de Esterilización e Medicina Preventiva realizaron demostracións nas diferentes unidades e servizos do hospital.
Ademais, con solución marcadora e lámpada de luz negra, puideron dar conta de como é un bo lavado de mans, no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide, onde situaron unha mesa grande con botellas de solución alcohólica.
Estes sanitarios empregaban con quen o desexara o lavado de mans con solucións marcadoras e lámpada de luz negra, un sistema que comproba posteriormente ó lavado de mans o resultado dese lavado, e se foi correcto ou non.
A Hixiene de mans no ámbito sanitario
Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de tódolos traballadores da Área Sanitaria.
Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reducilo número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans.
Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reducila transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca o feito de que “unha correcta hixiene de mans salva vidas”.