Baixo o nome de MODA-B, a Asociación Sociocultural ASCM Galicia organiza, os días 8 e 9 de maio, no Campus Industrial de Ferrol, unhas xornadas sobre diversidade funcional e un desfile de moda inclusiva en colaboración cun grupo de alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda e do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, titulacións que se imparten na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña, respectivamente.
Nesta iniciativa que pretende concienciar ao conxunto da sociedade das necesidades de adaptación da moda derivada das circunstancias psicomotrices das persoas con diversidade funcional participa tamén o alumnado do Ciclo Medio de Estética e Beleza e do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, a Asociación Cáritas Diocesana Mondoñedo- Ferrol e a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica (Affinor), así como varios establecementos ou marcas de moda como son Free Form Style, Koke´s, Kenia, Charamela, Wabes ou Savalé.
A presidenta da Asociación ASCM Galicia, Paula Gárate, e o coordinador do Grao en Xestión Industrial da Moda, o profesor da Universidade da Coruña, Manuel Escourido, foron os encargados de supervisar tanto a organización da xornada sobre diversidade funcional como o desfile de moda inclusiva.
No que atinxe á xornada, esta terá lugar o mércores 8 de maio, a partires das 16:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
A primeira intervención correrá a cargo da alumna do grao en Xestión Industrial da Moda, Aitana Rodríguez. Tamén participarán as persoas usuarias de ASCM Galicia e de Affinor, Gonzalo Sueiras e María Elena López, quen compartirán as súas experiencias como consumidores de moda adaptada.
Pola súa banda, a profesora do IES Ricardo Carvahlo Calero de Ferrol, Lucía Formoso, afondará na utilidade da maquillaxe correctora e a camuflaxe das imperfeccións, e o dermatólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), Benigno Monteagudo, sobre a hixiene e o coidado da pel desde o punto de vista sanitario. Acto seguido falará a profesora da profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña e podóloga colexiada, Fátima Santalla, quen explicará con detalle as necesidades de adaptación do calzado para as persoas con mobilidade reducida.
A última das intervencións da xornada virá da man da socia fundadora da primeira marca de moda inclusiva de España, Free Form Style, Marina Vergés.
Ao día seguinte, o xoves 9 de maio, ás 18:00 horas, terá lugar, na praza da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, o desfile universal de moda “Beautiful – Yet” no que participarán persoas usuarias da Asociación Sociocultural ASCM Galicia.