O Concello de Narón organiza a través do Padroado de Deportes e da Concellería de Festas unha andaina pola beira do río Xuvia ata a capela da Virxe da “O”, en Pedroso, para o vindeiro 12 de maio.
Os edís de Deportes, Ibán Santalla, e Festas, Mar Gómez, presentaron a iniciativa xunto con Ángel Luis Picos e José Alberto Rodríguez, presidente e integrante da directiva, respectivamente, da Comisión de Festas de Pedroso.
Coincidindo coa celebración da tradicional Romaría da “O”, cuxas festas non se celebraban dende hai oito anos, organizouse esta saída para a que se haberá que inscribir previamente, pagando cinco euros por persoa, nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo da Gándara, ata o mércores 8 de maio.
Os camiñantes poderán levar os seus coches ata Pedroso a primeira hora, onde haberá espazos habilitados para estacionar, para saír no tren do apeadoiro de Pedroso ás 9:30 ata a estación de Xuvia, se ben xunto ao magnolio do paseo comezará a camiñata a pé.
Así mesmo, indicaron, tamén se poderá ir dende este punto sobre as 9:40 horas camiñando, no caso de non precisar de vehículo para o regreso da camiñata dende Pedroso. A capela da “O” acollerá celebracións litúrxicas cada hora dende as 10:00 ata as 14:00 e tamén unha pola tarde ás 17:00 horas. A camiñata está deseñada para chegar a Pedroso sobre as 12:30 horas, aproximadamente.
Ao mediodía haberá un xantar popular organizado pola Comisión de Festas, tal e como indicaron, cuxos tickets terán un prezo de 30 euros para as persoas que participen na andaina, comprobarase polo listado de inscricións, e 35 para o resto. Os menores de 7 anos non terán que pagar polo xantar e os de 7 a 12 anos terán que abonar 15 euros.
O menú será a base de empanada, callos, churrasco, sobremesa, bebida e café. Haberá na zona unha carpa, con capacidade para medio milleiro de persoas, baixo a que se instalarán mesas e cadeiras para poder desfrutar do xantar popular. Pola tarde haberá unha sesión vermú, xogos populares e baile galego.
Dende a organización animan á cidadanía a participar na andaina e desfrutar tamén da festividade da “O” na parroquia de Pedroso. Así mesmo, dende o Concello valoraron o feito de que a comisión de festas recupere de novo esta celebración, moi coñecida na comarca.