Ciclo de Aulas temáticas para a promoción da saúde dos maiores na AVV de San Pablo en Ferrol

Están organizadas pola Asociación Cáritas e a Consellería de Política Social, en colaboración coa Asociación de Veciños de San Pablo e profesionais da Área Sanitaria de Ferrol (ASF) a través da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps).

Usuarias do comedor de San Pablo | Concello de Ferrol-Foto archivo

A Logopedia e a Deglución é o aspecto que abre o ciclo de aulas temáticas para a promoción da saúde das persoas maiores, en colaboración con profesionais da Área Sanitaria de Ferrol a través da Rede Galega de Promoción da Saúde. A Asociación de Veciños de San Pablo en Ferrol acolle a primeira das cinco sesións deste ciclo, mañá venres 26 de abril, ás 12:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo.

As logopedas da Unidade de Rehabilitación deste Servizo no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Mónica Castro Amenedo e Paula Mariñas Berdullas, serán as encargadas de abordar todo o relacionado coa logopedia e a deglución.

Estas profesionais procurarán sempre unha deglución segura e eficaz, sen complicacións respiratorias, deshidratación e desnutrición. Por exemplo, valorarán cales son as síntomas básicas dos posibles problemas de deglución, como a sensación de atasque na gorxa ou esterno; tusir mentres comemos ou inmediatamente despois; dor ó tragar; ou voz húmida trala deglución, entre outras. Matizarán cando é necesario acudir ó médico de Familia para unha valoración e, se é necesario, unha posible derivación ó ámbito axeitado. Igualmente, darán a coñecer as posturas de protección axeitadas para unha correcta deglución.

Estas profesionais falarán ós asistentes daqueles alimentos que poden provocar situacións máis graves se hai problemas de deglución, como os alimentos duros e secos, como os froitos secos; os alimentos de dobres texturas como o leite con cereais ou sopa con pasta; os alimentos que renxen como as galletas ou as patacas fritidas; e alimentos con pel e semente, como as uvas, por exemplificar. Ademais, farán tamén un pequeno taller para recoñecer as distintas texturas, a néctar, líquida, pudding ou mel; e informaranlles sobre as alternativas que existen se existe un problema xa concreto de deglución, tanto cos líquidos como cos sólidos.

Máis temas no resto das charlas
Todas estas sesións deste ciclo serán os venres, ás 12:00, na Asociación de Veciños de San Pablo en Ferrol, e teñen como obxectivo dar ferramentas á poboación para un envellecemento saudable, e, continuando, como indican dende Regaps, na liña de formar e informar en saúde.

A seguinte das sesións será o 10 de maio sobre Tips da vida diaria, para aportar consellos prácticos para favorecer a autonomía e independencia no desempeño das diferentes actividades da vida diaria e, por tanto, favorecer un envellecemento saudable.

O 24 de maio o protagonista será o Testamento Vital; o 31 de maio, os Primeiros Auxilios; e a quinta e última, o 7 de xuño, abranguerá cuestións sobre a Hixiene do Sono.

 

 

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …