VIII Ruta Turística «Vila das Pontes»

A concelleira de turismo Elena López xunto  a representantes da Escudería “Automóvil Club As Pontes” participou  na presentación da oitava edición da Ruta Turística “Vila das Pontes” que organiza o club pontés; un evento puntuable para o Open Rutas Turísticas Ferrolterra 2024, e que se vai celebrar o vindeiro sábado 27 de abril no Concello das Pontes.

Elena López, que tivo a oportunidade de participar na proba celebrada no ano 2023, sinalaba que “é unha actividade moi atractiva, tanto para o público, pero tamén para que a xente se anime a participar; xa que se trata dunha proba aberta a quen queira inscribirse, ao non ser precisas habilidades especiais para a pilotaxe. Ademais, é espectacular o ambiente que se vive durante a proba, e tamén durante a cea e a posterior entrega de trofeos, onde queda patente o compañeirismo entre os participantes e a organización”.

Así mesmo, quixo poñer en valor o traballo do clube pontés para a organización deste evento, xa que “atrae a moita xente á vila, como espectadores e tamén como participantes, ao tratarse dunha proba puntuable para o Open Rutas Turísticas Ferrolterra 2024”.

Trátase dunha proba cronometrada na que o obxectivo é completar o percorrido, respectando as normas de circulación, e cumprindo un tempo determinado en cada un dos tramos, marcado pola organización; e que ademáis vai incluir unha serie de probas fotográficas. Todos aqueles que non cumpran nin cos tempos nin coas probas fotográficas serán penalizados.

Segundo palabras do vicepresidente do Automóvil Club As Pontes, Raimundo Otero ata o momento hai unha vintena de inscritos, entre vehículos actuais e clásicos, pero agardan que a participación aumente segundo se vaia achegando a data de celebración da proba.

O parque pechado estará situado na avenida da Coruña, e de alí sairán, a partir das 16:00h, tódolos participantes, en tres mangas, ata completar un percorrido de 150 quilómetros, aproximadamente.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …