O Concello de Cabanas conmemora o Día do Libro, que se celebra este 23 de abril, cun reparto de libros entre a veciñanza, para o cal habilitará unha mesa na entrada da Casa do Concello, onde cada persoa poderá levar aquel exemplar ou exemplares que máis lle interesen.
A lectura axúdanos a viaxar a mundos descoñecidos, esperta a nosa mente e enriquece o noso interior. Os libros son unha fonte de coñecemento que nos permite entender o que nos rodea. É por iso que a UNESCO declarou, no ano 1995, o día 23 de abril como Día do Libro. Trátase dun día para fomentar a lectura entre todos os públicos xa que ler nos axuda a coñecer culturas, a viaxar no tempo e a cultivar a nosa mente.
Dende o Concello de Cabanas anímase á veciñanza a achegarse ata o Concello para recoller algún dos exemplares que estarán dispoñibles na entrada da Casa do Concello desde o martes 23 ao venres 26 de abril de 2024.
O venres 26 de abril clausurase esta conmemoración do Día do Libro cunha nova reunión do Club de Lectura municipal, que terá lugar ás 16.30h, na Casa da Cultura (Escola Laica) e na que contarán coa visita do Miguel Conde-Lobato, autor de Palabras malditas, lectura proposta para este mes de abril.