O festival literario presenta o programa completo con obradoiros, recitais, encontros con autores e autoras, contacontos e música. Ramiro Fonte, Pedro Feijoo, Arantza Portales, Nuria Vil, Sol Mariño e María Solar figuran no programa de actividades.
O Concello de Pontedeume xa ten todo preparado para acoller a segunda edición de Pontedeume Vila do Libro. O festival literario, que terá lugar entre o 22 e o 24 de agosto, conxugará literatura, obradoiros, música, poesía e diálogo entre autores co fin de consolidarse como un referente cultural de verán na comarca do Eume.
A programación foi presentada pola concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, e o director do festival, Enric Bono. Esta segunda edición chega cargada de novidades, destacando nesta ocasión a ampliación de escenarios e espazos singulares nos que desenvolverá o programa, así como o incremento do número de locais recuperados nos que as editoriais independentes participantes crearán as súas librerías efémeras.
Así, esta fin de semana os escenarios Couceiro Freijomil e Os Camiños do Libro, xunto co Xardín do Chafarís, a Casa da Cultura e o Escenario Da Leña, acollerán a programación deste evento literario, que promoverá a lectura, a creación literaria, a reflexión crítica e o intercambio de coñecemento, co apoio e a implicación das asociacións de escritores e da Unión de Comerciantes Autónomos Eumeses.
Unha programación diversa e participativa que contará coa presentación da tradución ao castelán de ‘Os ollos da ponte’ de Ramiro Fonte, encontros con escritores como María Solar, Pedro Feijoo, Emma Pedreira ou Antía Yáñez, Arantza Portabales e espectáculos musicais como ‘Onde está Otti?’ con Silvia Penide, o freestyle con Gallos del Norte ou o espectáculo ‘Seis. Lorca en Galicia’.
O proxecto ‘Vila do Libro’, que se celebrou en Galicia por primeira vez en Pontedeume en 2024, regresa á vila con esta segunda edición co fin de converter o espazo público nun punto de encontro arredor dos libros. Con actividades que van dende obradoiros para nenas e nenos ata mesas de debate con autores recoñecidos, a vila consolídase como un referente cultural da comarca e un polode dinamización cultural e económica.
TRES DÍAS DE PROGRAMA
Xornada inaugural
O evento arranca o venres 22 de agosto ás 19.30 horas cun percorrido dende o Escenario Couceiro Freijomil, na rúa Couceiro Freire 5, ata o Escenario Os Camiños do Libro, onde terá lugar o acto inaugural, coa actuación posterior da Asociación Folclórica e Cultural Orballo.
Media hora máis tarde celebrarase a gran novidade editorial a presentación da tradución ao castelán de ‘Os ollos da ponte’, segunda novela da triloxía eumesa ‘Vidas de infancia’ de Ramiro Fonte.
O sábado 23 de agosto comezará cun acto especial ás 12.00 horas no que María Solar presentará ‘222 anos da Expedición da vacina: a extraordinaria aventura dos nenos da varíola’, un relato histórico fascinante sobre a expedición Balmis. Ás 13.00 horas terá lugar o diálogo ‘Xornalismo e literatura: a palabra como oficio’ con Marta Villar, Nico Vidal, Vicente Araguás e Iago Ebrero.
A tarde do sábado ofrecerá unha programación intensa para todos os públicos: o contacontos ‘Lola Feroz!’ de Juan Baquero no Xardín do Chafarís, o ciclo ‘Os libros da miña vida’ con Pedro Feijoo e Iago Ebrero, un micro aberto de versos e prosas con escritores da Asociación Galega de Escritores (AGER), e o espectáculo musical ‘Onde está Otti?’ con Silvia Penide.
Pola noite, o sábado culminará con diálogos sobre ‘Violencia, vinganza, sororidade’ con Emma Pedreira, Antía Yáñez e Ara de Narón; a presentación de ‘Nao cetácea: unha homenaxe ao mar’ con Xosé Iglesias e Pablo Quintana (que incluirá unha exposición de acuarelas mariñas na Casa da Cultura); o recital ‘As alas da serpe e outras historias’ con Sol Mariño; e o espectáculo teatral ‘Seis. Lorca en Galicia’ con Lara Dopazo, Rafa Fernández e Adriana Páramo.
O domingo 24 de agosto arrancará co ‘Vermú poético’ no Stollen, dedicado á‘Poesía galega – poesía catalana. Unha viaxe de ida e volta con Josep María Llompart’, con Pilar Arnau e Miguel Anxo Fernán-Vello. A programación dominical inclúe propostas como o itinerario literario ‘Libros, voces e compañía: tecendo redes contra a soidade non desexada’ con Montse Lage, obradoiros como ‘Da árbore ao libro’ da editorial Cuarto de Inverno, e o diálogo ‘A boa saúde da novela criminal en Galicia’ con Arantza Portabales, Blanca Riestra, Henrique Dacosta e Pablo J. Rañales.
Homenaxe a Castelao no 75 aniversario
A programación sumase ao ano Castelao, baixo a efeméride dos 75 anos do falecemento no exilio desta figura poliédrica e o domingo incluirá a conferencia ‘O arte de Castelao’ con Xesús López Piñeiro na Casa da Cultura ás 18.30 horas, e o diálogo ‘Castelao: exilio e pensamento político’ con Juan Galán e Manuel Rei ás 19.30 horas.
A tarde do domingo destacará polo recital poético familiar ‘Bailando tacón, punta, tacón desde unha nova dimensión’ con Anxo Iglesias, o freestyle con Gallos del Norte & Freestyle People, e a presentación de ‘O cancioneiro popular eumés’ con Xosé Paz e Los Trasnochadores del Eume.
O festival clausurarase ás 21.30 horas no Escenario Os Camiños do Libro co espectáculo poético ‘Flúor significa escuridade’ con Nuria Vil.
Un concurso con emoticonas nos comercios locais
Como novidade, 18 comercios locais da asociación UCOA Pontedeume participan activamente nun concurso no que se recrearán títulos de libros feitos con emoticonas, como se fose un xeroglífico. Entre os dez libros hai cinco títulos da literatura galega e cinco da literatura universal. Os participantes que máis títulos descifren optarán a un sorteo de libros o domingo 24 ás 19.30 horas.
Un evento cultural con poder transformador
Pontedeume Vila do Libro é máis ca un evento cultural: é unha celebración do libro como ferramenta de transformación social, da lectura como acto compartido e celebración da palabra. Durante tres días, a vila histórica do Eume será unha praza pública de ideas, historias e creación colectiva, promovendo o acceso á cultura de forma aberta, gratuíta e inclusiva.
O festival literario, que celebra a súa segunda edición en Pontedeume, ten a capacidade de cohesionar a cultura co entramado social e económico deste territorio, impulsando asemade o turismo literario e poñendo en valor os recursos da cultura e a lingua galega nun marco patrimonial único como é o casco histórico de Pontedeume.
Baixo o lema “Os libros fan camiño, facemos camiño cos libros”, Vila do Libro é un proxecto de dinamización cultural e promoción turística de calidade, no que se promociona a lectura, a comprensión lectora como chave para compartir ideas e estimular a imaxinación, e no que se pon en valor a capacidade dos libros para impulsar cambios e favorecer a creación de novas ideas, así como os oficios do libro como colectivo profesional e artesanal.
Pontedeume Vila do Libro está organizado polo Concello de Pontedeume e Vila do Libro, coa colaboración da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
Toda a programación está dispoñible na web oficial www.viladolibro.gal/pontedeume