A Feira Cabalar do 23 de abril encherá Moeche de milleiros de visitantes

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, organizadora do evento, premiará os animais que mellor desempeño exhiban en dous xeitos de marcha que requiren tempo de adestramento e moita compenetración coa montura.

foto archivo-2023

A Feira do 23  é sinónimo de cabalos de todos os tipos e razas que chegan a Moeche para lucir estampa e nobreza ou para cambiar de mans. Nesta nova edición retoma a organización a Asociación Ecuestre 23 de Abril, quen xa ten ben avanzados os preparativos para a celebración. Repartiranse preto de 4.400 euros en premios para os xinetes e amazonas que demostren máis pericia na andadura chapeada e andadura aserrada, divididas en 2 apartados para animais de menos e máis de 1,5 m de altura á cruz, así como á andadura sub 16, a manada máis numerosa, estampa beleza .

As inscricións nas distintas probas realizouse vía telemática durante o mes de abril tal e como anunciou a entidade organizadora, quen  trasladou que son 236 as inscricións recibidas. As persoas participantes deberán levar o animal canda a súa documentación oficial para facer as medicións pertinentes. As bases estipulan, entre outras cuestións, a obriga de usar cascos regulamentarios para poder participar nas probas e a descualificación inmediata no caso de que haxa indicios de maltrato animal. Ademais, tanto a organización como as forzas de seguridade poderán expulsar a calquera participante que estea facendo un uso inadecuado da pista ou se se considera que pon en risco a seguridade da proba, que se desenvolverá nun circuíto debidamente valado e restrinxido á entrada do público.

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, organizadora do evento, premiará os animais que mellor desempeño exhiban en dous xeitos de marcha que requiren tempo de adestramento e moita compenetración coa montura. Son a andadura chapeada -o animal avanza en catro tempos, poñendo cada vez un casco no chan-, e a andadura aserrada -os cascos de cada lado pousan ao mesmo tempo mentres os outros se adiantan. Estas dúas categorías desdobraranse á súa vez dependendo das alturas, separando as probas para animais de menos de 1,5 metros de altura á cruz e para os que excedan desa medida. Alén do anterior, este ano desaparece a categoría de trote, e no seu lugar inclúense novas categorías como son competición andadura para menores de 16 anos, a estampa e beleza e á manada máis numerosa.

Desde o Concello, no marco do convenio de colaboración económica e loxística, convocouse unha reunión á que asistiron a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García, a presidenta da Asociación Ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, e varios membros da directiva, ademais do sarxento do posto da Garda Civil de San Sadurniño, a representante da empresa que deseñou o plan de prevención e  persoal de coordinación dos distintos equipos de Protección Civil que botarán unha man, procedentes do Concello das Pontes e Neda. A xuntanza tivo lugar na casa consistorial para ultimar os detalles do dispositivo de seguridade e os accesos a aparcadoiros e outra zonas delimitadas

Desde o Concello agradécese a implicación de todos estes equipos  e entidades para que todo transcorra sen incidencias, ao tempo que se lle pide a máxima colaboración á veciñanza, visitantes e participantes co obxectivo de que o 23 de Abril siga sendo o que é sempre, un éxito.

As previsións meteorolóxicas, cando menos algúns portais web sobre o tema máis ou menos rigorosos, adiantan que o martes 23 de abril vai vir un día solleiro, con algunha nube e temperatura agradable, incluso ao mediodía. Con todo, esta feira sempre xunta público incontable arredor do cabalo ou do ambiente xenuíno dun mercado tradicional onde hai algo de todo. Gando, queixos, pan, empanadas, salgaduras, churros, verdura, planta, artesanía, roupa, ferramentas, encontros , parolas, tempo para degustar o polbo á feira ou os tradicionais callos.

O Concello agradece, así memo,  a colaboración da veciñanza, e lembra que os residentes na rúa da Feira -que estará cortada desde a véspera- poden continuar recollendo o pases de acceso na Casa do Concello . Desde o serán do luns 22 até a noitiña do martes 23 tamén se cortará o tráfico no tramo de estrada entre Pensos Pazo e a capela de San Ramón, xa que é nesa zona onde se sitúa o circuíto e onde se concentra a maior actividade cabalar.

O propio día 23 estará cortado o paso de vehículos (excepto para a zona de aparcadoiro) desde a avenida 23 de abril, á altura de Agromera , e na rúa da Feira , desde o cruce en Casa Sixto , ata o cruce coa pista dirección Pardiñas, A Corveira e AC 862,

Zonas de aparcadoiros e accesos.

Establécense varias áreas de aparcadoiros,  outras  para os remolques e vehículos de transporte de cabalos para o trato e outras para os cabalos da carreira; ademais de zonas especificas para cabalos. Pódese consultar o plano no enlace mái abaixo.

Os accesos a zona do recinto feiral establécense, coma sempre, polo cruce da AC-862 coa estrada provincial DP 4901 ( zona do CEIP San Ramón), dirección de entrada, e a saída pola avenida 23 de abril.

Para os participantes na carreira o acceso será polo cruce da estrada provincial Balocos a Somozas coa DP 4901. ao seu paso polo campo de fútbol , cunha soa dirección cara ao recinto da carreira. A estrada paralela a esta será dunha soa dirección, de saída desde a zona da carreira cara á estrada Somozas Balocos. Poderán acceder tamén desde a estrada que vén da zona de Vilanova, para situarse no aparcamento R2, mentres os camións de gando continuarán ata a nave do gado no propio recinto feiral.

Lea también

Miles de escolares en Ferrol son «rondados» nos seus centros escolares

Dentro das I Xornadas Escolares de “As Pepitas”, financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia …