O novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou ao mediodía deste venres , na praza da Constitución, a Feira do Libro de Ferrol, a primeira das citas deste ano nun circuíto que vai chegar a 13 cidades e vilas das catro provincias de Galicia, co lema “Atopa a túa historia”
Acompañaron ao conselleiro o rexidor ferrolán, José Manuel Rey Varela; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a deputada de Cultura Natividade González; Manuel Rodríguez, da libraría Metrópolis, en representación da Federación de Librarías de Galicia, organizadora da feira,; membros da corporación municipal e a pregoeira , a escritora Paula Merlán.
“Esta vila merece un evento cultural coma este”, aseverou o conselleiro, quen animou a toda veciñanza de Ferrol a participar desde este venres e ata o domingo, día 21 de abril nesta feira, onde avanzou que se poderá descubrir a oferta editorial que traerán libreiros e libreiras deste e doutros concellos, así como a participar nas máis de 30 actividades que se desenvolverán ao seu abeiro.
José López salientou a enorme satisfacción que lle supón que un dos primeiros actos como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude sexa abrir estas citas coa lectura por toda a comunidade. Precisamente, fixo fincapé en que a Xunta lles dá unha “prioridade especial” ao libro e á lectura, “e queremos unha sociedade que encontre respostas nos distintos formatos nos que se nos presentan hoxe”, afondou.
O libro serve de “vía de expansión” para a nosa identidade
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o libro serve de “vía de expansión” para a nosa identidade e para a nosa cultura. “Probablemente sexa o primeiro referente do que somos, do que creamos, do que pensamos e do que sentimos”, remarcou.
A Feira do Libro de Ferrol comeza en datas próximas á celebración do Día Internacional do Libro (23 de abril). Neste senso, o conselleiro apuntou o feito de que se trata dunha “festa da lectura, do libro e da palabra” que anima a descubrir “facianas inacabables do pracer lector”, ademais de que serve para estar un “pouco máis preto” dos escritores e escritoras. E, en concreto, indicou a oportunidade que supón para achegarse ou afondar na obra da creadora a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.
Finalmente, o conselleiro rematou a súa intervención cun recoñecemento especial para a pregoeira da Feira do Libro de Ferrol, a escritora Paula Merlán.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou que Ferrol será durante a fin de semana o “epicentro da lectura, con numerosas casetas nas que sempre hai un libro agardando por nós”. Ata sete librerías da urbe participan nesta edición á que Rey Varela invitou á cidadanía para desfrutar da programación ofertada, con sinaturas de libros e actividades para os máis pequenos.
Pola súa parte a deputada provincial Natividade González comezou a súa intervención recoñecendo a labor dos organizadores: “Somos conscientes do moito esforzo, dedicación e compromiso que require, pero ao mesmo tempo é unha tarefa moi gratificante, xa que nos permite contribuír ao desenvolvemento cultural da nosa sociedade e fomentar o hábito da lectura entre as persoas”.
A deputada falou tamén da importancia das feiras do libro, “que as institucións públicas temos a obriga de apoiar, o mesmo que ás librarías, un valor para a sociedade, mesmo no económico”.
Finalizou o acto coa visita a as casetas da feira e firma de exemplares