Alumnado de terceiro curso da ESO do CPR Santiago Apóstol de Narón participou o sábado 13 na final do Club de Debate.
“Os Gandariños”, nome do equipo naronés integrado por oito menores, desprazáronse ao Val do Dubra con persoal do equipo directivo do centro e profesorado, entre eles a súa preparadora, Natalia Bacelo, e a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, tamén se desprazou para animalos xunto coa técnica de Normalización Lingüística de Narón, María Adela Pita.
“Dende o Concello estamos moi orgullosas e orgullosos de que representaran á nosa cidade nunha final que estivo moi reñida e na que a pesares de non alzarse co premio competiron con outros cinco equipos, o que representa xa de por si toda unha experiencia”, asegurou a edil.
O certame, tal e como recordou María Lorenzo, pon en valor o uso oral da lingua galega e as habilidades para o razoamento e a argumentación da mocidade e o tema elixido foi se a supervivencia da lingua galega depende das persoas neofalantes.
Os escolares naroneses competiron cos do IES Canido, de Ferrol; o CPI Bembibre, de Val do Dubra; o IES de Cacheiras, de Teo; IES Terra de Xallas, de Santa Comba, e o IES Camilo José Cela, de Padrón.