O voceiro do grupo municipal socialista de Ferrol Ángel Mato considera que o cambio de ciclo demográfico é froito de múltiples factores que o actual goberno local debe consolidar, entre os que destaca o emprego e a aposta por un modelo urbano pensado para as persoas e non para os coches
Mato celebra que se confirme o repunte de habitantes avanzado hai un ano e advirte contra as tentacións de revertir o proceso de modernización da cidade, que poderían conducir outra vez ao declive de Ferrol
“Confírmase o que xa avanzáramos. Foron catro anos de traballo duro pola recuperación da cidade, e ao final do primeiro trimestre do 2023 vimos o indicador que o confirmaba: detectamos que, por fin, había un cambio de tendencia”. Así explicou o voceiro do grupo municipal socialista, Ángel Mato, o avance dos datos de poboación por parte do Instituto Nacional de estatística (INE), que indican que Ferrol recupera habitantes por primeira vez en 42 anos.
O goberno local socialista detectou en abril do ano pasado que o primeiro trimestre do exercicio fora o máis positivo, en termos de poboación, dende que existían rexistros desglosados por meses.
Os datos indicaban un incremento de 410 habitantes, de modo que o entón concelleiro de Estatística, Rafael Fernández Beceiro, calculaba que a finais do 2023 a cidade podería contar con cerca de 64.300 habitantes.
Finalmente son 64.218 veciños os que contabiliza o INE, un dato que o Concello acaba de anunciar que vai recorrer. Mato mostrouse hoxe de acordo con que así o faga, para que se lle recoñezan á cidade cada un dos seus habitantes.
O tamén secretario xeral do PSOE de Ferrol detalla que durante o seu mandato establecéronse prioridades como “garantir a modernización do naval e a carga de traballo”, algo que se conseguiu debido ao compromiso do Goberno central. Tamén defendimos o papel de Ferrol como polo industrial e enerxético, e logramos que se instalasen aquí organismos coma o Cesena, o que tamén arrastra emprego de calidade. Tamén hai que lembrar que nos momentos de crise, en plena pandemia, defendemos o noso tecido económico cun gran esforzo por parte do Concello, tanto no que se refire a subvencións como a exencións fiscais e investimentos”, dixo o portavoz socilista, que matizou que pese a que economía e o emprego son importantísimos, “non o son todo”.
Así, recordou que nos pasados catro anos se sentaron as bases dun novo modelo de cidade, “moderna e para as persoas”, algo que considera “decisivo” para facer atractivo Ferrol e facilitar que se asentasen novos habitantes.
Nese senso, enumerou a aposta decidida pola rehabilitación de vivenda, a reurbanización de rúas con parámetros do século XXI, convertíndoas en espazos para a convivencia e o goce da cidadanía, ou o impulso dunha renaturalización urbana. “Iso repercute na calidade de vida, e a xente apréciao, ve que a cidade é mellor para vivir”, asegurou.
O que si advertiu Mato é que “non se pode volver atrás nese tipo de políticas, non se pode volver darlle espazo ao coche e quitarllo ás persoas, non se pode caer outra vez nun modelo de cidade do século pasado”. A consecuencia, dixo, sería outra vez o declive de Ferrol.
O portavoz socialista repasou tamén medidas como o impulso do desenvolvemento turístico e a promoción da cidade, como factor de dinamización, de atractivo e de coñecemento, ou o traballo no eido do patrimonio, coa recuperación de espazos históricos ou os avances na candidatura a patrimonio mundial. Fixo mención, ao tempo, á capacidade de manter os servizos públicos sen cargar á cidadanía con incrementos de prezos innecesarios, como as taxas.
“Desenvolvimos unha política de mantemento de prezos, e en casos complexos, coma o da auga, procuramos buscar alternativas ao incremento dos recibos, reclamando débedas a outras administracións en lugar de multiplicar a recadación de xeito desmedido como está
a facer o actual goberno local”, explicou.
“Cando hai un ano avanzamos que Ferrol estaba a gañar habitantes, moitos acolleron a noticia con escepticismo, pero dispoñíamos de datos fiables. Temos un servizo municipal de Estatística que desenvolve un labor enorme con recursos limitados e eu tiña absoluta confianza no que nos indicaban”, asegurou.
“Temos por diante un período de bonanza económica para a cidade que invita ao optimismo. O que non pode ser é que deamos pasos atrás no que xa tiñamos consolidado. Vemos como o modelo de cidade retrocede outra vez a parámetros do século pasado, como os coches volven gañar espazo ás persoas, como se aposta polo cemento en lugar de renaturalizar o espazo público… Agora que imos na boa dirección, sería nefasto toparse con atrancos que impidan o primeiro renacer de Ferrol en case medio século”, insistiu.