Máis de 300 palilleiras de toda Galicia déronse cita en Fene

Unha exhibición de baile a cargo de May Dance Studio e unha feira de artesanía con trinta e dous postos relacionados co tecido completaron a programación.

Chegadas de diferentes puntos de Galicia, máis de 300 palilleiras de todas as idades déronse cita este sábado en Fene nunha nova edición do Encontro de Palilleiras. O repenicar dos bolillos foi o protagonista dunha xornada que serviu para poñer en balor a arte tradicional do encaixe, e o traballo das escolas e entidades na súa preservación.

No Encontro participaron escolas de encaixe procedentes -ademais de Fene- de dezasete concellos de toda a xeografía galega (Ares, Arteixo, Burela, Cabanas, Cervo, Coirós, A Coruña, Ferrol, Neda, Narón, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Redondela, Valdoviño, Viveiro e Xove), así como tamén trinta e dous postos de artesanía e provedores especializados en materiais para facer encaixe, bordados, calceta, patchword e outras técnicas relacionadas co tecido.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, amosou durante a inauguración da xornada o seu orgullo porque “Fene se teña convertido nesta xornada na Capital do Encaixe”, e agradeceu “a participación e compromiso das mulleres participantes por seguir a manter este oficio tradicional, e contribuír ao seu espallamento amosándoo ao público”.

“Ademais de servir para que moitas persoas veñan pasar o día a Fene, encontros coma este favorecen a visibilización da arte de palillar, e fan que moitas persoas descubran esta forma de tecer”, salientou a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira. A concelleira tamén destacou que “resulta moi satisfactorio ver persoas de diferentes idades traballando e aprendendo xuntas”.

Máis aló das tarefas vencelladas ao tecido, no Encontro realizouse unha exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e sorteos de produtos cedidos tanto polas agrupacións participantes como por diferentes establecementos do comercio local fenés. Como noutras edicións, os cartos recadados doaranse a unha causa benéfica, nesta edición a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

Na súa organización, ademais da área de promoción económica e turismo do Concello de Fene, participaron a AVV San Xurxo de Magalofes, o CPS de San Valentín, a SCRD Agarimo de Sillobre e a Liga de Amigos de Barallobre.

Lea también

Ferrol se prepara la vivir su IV edición de Regalarte

La plaza de la Constitución acoge hasta el domingo 21 el mercado de arte. Esta …