Obradoiro promovido polo Concello de Fene, xunto cos concellos de Ares, Cabanas e Mugardos.
A concelleira de Formación e Emprego de Fene, Cristina García, mantivo un encontro co equipo docente e alumando – traballador do Obradoiro Inicia VII, que se está a desenvolver na nave municipal do Concello de Fene, e no que participan un total de 15 persoas.
Dito Obradoiro, promovido polo Concello de Fene, xunto cos concellos de Ares, Cabanas e Mugardos, está destinado a mozos de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego, e ten como principal obxectivo que estas persoas poidan ver mellorada a súa inserción laboral mediante un programa que combina a formación teórico – práctica.
O Inicia VII estase a impartir na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, unha especialidade con gran demanda na comarca. Durante o seu desenvolvemento, cun ano de duración, as persoas participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas, como a substitución das varandas das escaleiras de Tellerias a San Valentín e a instalación de varandas nas gradas do pavillón A Xunqueira.
Durante o encontro, Cristina García interesouse pola valoración do alumnado participante sobre o desenvolvemento do Obradoiro e as necesidades do equipo docente, e apuntou a importancia deste tipo de programas orientados “a cubrir as demandas reais do mercado laboral e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, adquirindo as competencias necesarias para desenvolver unha actividade en auxe”.
Cunha duración dun ano, o alumnado traballador conta cun contrato laboral de 40 horas semanais, polo que percibe o Salario Mínimo Interprofesional. Estas persoas foron preseleccionadas mediante unha oferta de emprego en cada unha das especialidades tramitadas no Servizo Público de Emprego de Galicia, procedéndose logo á selección definitiva, dando prioridade ás persoas desempregadas dos concellos organizadores.
O Obradoiro Inicia VII na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial está incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e conta cunha subvención da Consellaría de Emprego da Xunta de Galicia de preto de 425.000 euros.