Terra Galega publica a primeira edición de “Narón ao día”

O coordinador local de Terra Galega en Narón, Ibán Santalla; o voceiro de TEGA no Concello, Román Romero, e Bruno González, secretario de Organización do partido, presentaron este martes 9 o primeiro número de “Narón ao día”, unha revista informativa sobre a actualidade local.

Santalla informou que se trata dunha publicación “que nace co fin de manterse no tempo para ofrecer ás veciñas e veciños un recurso máis ao seu alcance para que poidan coñecer o labor que TEGA está desenvolvendo en Narón”. O acto de presentación da revista levouse a cabo na sede do partido, no número 9 da rúa Reis Católicos, na Solaina.

O primeiro número de “Narón ao día” sae á rúa con información relativa aos meses de xaneiro a marzo deste ano. “É unha revista informativa que terá una periodicidade trimestral”, apuntou o coordinador local de TEGA.

Nas doce páxinas de que consta, abórdanse actuacións como o novo parque de xogos de auga construído na parroquia de Xuvia, a entrada en servizo do novo estacionamento disuasorio entre Freixeiro e o Alto, o bowl da parroquia de Piñeiros, actuacións como a pacificación do contorno do centro escolar de Piñeiros, as obras que se acometerán para mellorar as instalacións actuais do SPEIS, as do novo campo de tiro con arco no Río do Pozo.

A maiores, tamén se avanza o investimento anual de 465.000 euros previsto para formar a persoas desempregadas, a constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, a instalación dos colectores para residuos orgánicos ou a previsión de someter a aprobación plenaria, este mesmo mes, dun orzamento municipal que ascende a 37,7 millóns de euros.

A maiores, a través das páxinas de “Narón ao día” realízase un repaso polos eventos sociais, empresariais, culturais e deportivos que se levaron a cabo no primeiro trimestre deste ano, como é o caso da Cabalgata de Reis, o Entroido, a Mostra da Camelia, a terceira edición da Carreira e Andaina pola Igualdade; o Campionato Galego de BTT ou a primeira edición das xornadas de iniciación ao mergullo, que terán continuidade este mesmo mes de abril.

“En definitiva, é unha revista que recolle e recollerá as principais actividades e actuacións na nosa cidade e que queremos que sirva para informar ós nosas veciños, para que todos eles estean tamén ao día da actualidade municipal”, subliñou Santalla.

A publicación poderase consultar os vindeiros días, ademáis do formato impreso, a través das redes sociais do partido (Facebook e Instagran de Terra Galega Narón) e repartirase nas diferentes parroquias e barrios da cidade.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …