O recinto feiral do Trece en Narón acolle a XIII Feira multisectorial agrícola

O Concello de Narón organizou unha nova edición, a décimo terceira, da Feira multisectorial agrícola, que se celebrará os días 13 e 14 deste mes no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes.
 
 
Así o avanzou a concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, que explicou que estará aberta en horario de mañá e tarde e o acceso será de balde.
 
As persoas que se acheguen poderán ver os espazos expositivos que se instalarán na nave e tamén na zona exterior, nos que se venderán produtos da horta, de xardinería, alimentación, maquinaria…haberá tamén unha carpa que venderá racións de polbo e churrasco ás persoas que queiran comer no recinto ese mesmo día. Os postos permanecerán abertos dende as 11:00 ata as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas.
 
O sábado 13 ao mediodía haberá unha degustación de produtos da terra e o domingo unha sesión vermú para amenizar o evento ao mediodía. Ademais, sortearanse cada día seis lotes con produtos da terra. A edil naronesa explicou que, a maiores, programáronse unha serie de obradoiros infantís para as dúas xornadas, de balde, no que poderán participar as nenas e nenos que se acheguen ao evento.
 
Un dos obradoiros será de plantación, no que aprenderán os coidados básicos das plantas e como sementalas, levando unha como agasallo ao remate do mesmo. Poderán participar un máximo de vinte nenas e nenos nas quendas que se sucederán pola mañá, dende as 12:00 ata as 14:00 e pola tarde, de 17:00 a 19:00.
 
Así mesmo, tamén os dous días haberá un obradoiro de construción e exhibición de cometas, para aprender a personalizalas e levalas tamén como agasallo.
 
Poderán participar entre vinte e trinta menores por quenda e será en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …