A Deputación leva ‘A provincia que sabe’ ao Galicia Fórum Gastronómico

A Deputación da Coruña estará presente de novo no Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra na cidade da Coruña do 7 ao 9 de abril no recinto ferial de Expocoruña, onde presentará a súa campaña turística e gastronómica “A provincia que sabe”

A través desta campaña identifica a excelencia da cadea agroalimentaria de todos os recunchos da provincia. O domingo 7 ás 11:30h celebrarase o acto inaugural, no que participará o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Durante os tres días que dura o Galicia Fórum Gastronómico a área de turismo provincial ofrece unha programación protagonizada por produtores e produtoras locais, e chefs de referencia da provincia: mostras de produtos, degustacións, vermús, catas, presentacións e showcookings son algunhas das actividades que se levarán a cabo no stand da Deputación, que darán a coñecer ao público a gran diversidade gastronómica que hai ao longo da provincia.

A Deputación aportará ao evento a presenza de chefs e restaurantes de toda a provincia, que deleitarán ao público cos seus showcookings: O restaurante A Horta do Obradoiro (Santiago de Compostela) con Kike Piñeiro e Eloy Cancela; A Tafona (Santiago de Compostela) con Lucía Freitas; o Restaurante Mar de Ardora (Cabana de Bergantiños) con Marisol Martínez Mato; O restaurante Carrumeiro (Corcubión) con Rafael Fuentes; o restaurante Albatros (Outes) con Manuel Neiro; o restaurante Espazo Abella (Santiago De Compostela) con André Arzúa; a taberna O Lambón (Carballo) con Xusto Posse e Marcos Silva; e Xearte Brigitte, con Bríxida Hermida (xeadeira).

Ademais, o stand da entidade provincial será unha posta en valor dos produtos locais galegos, contando con diversos produtores como é o caso de Choiva Viños (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Apia Natura (Oza-Cesuras), A Despensa D’Lujo (Coristanco), Cafés Lúa (Carballo), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee) e Xearte Brigitte (Santiago de Compostela).

Unha vez máis, a área de turismo da Deputación da Coruña exhibirá os saberes e sabores da provincia, a través de “A Provincia que sabe”, no Galicia Fórum Gastronómico: o maior evento gastronómico profesional do norte de España. Desde o seu nacemento, no ano 2008, converteuse nunha plataforma de lanzamento e promoción do talento dos mellores cociñeiros galegos, ademais de ser un foro de formación e renovación culinaria.

Durante a súa celebración atrae á provincia numerosos visitantes chegados desde distintas partes do país, con máis de 22.000 visitantes, 200 expositores e máis de 30 estrelas Michelín.

Lea también

Afundación celebra el Día de la Música con conciertos sincrónicos

Afundación, la Obra Social de ABANCA, celebra el Día de la Música, día de Santa …