Un total de 519 alumnos de terceiro a sexto curso de educación Primaria de nove centros de ensino de Narón participarán, dende este xoves 4, nos obradoiros de trampeo contra a avespa velutina.
Persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón e da delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura, encargarase de impartir as sesións, que se concertaron para este mes de abril e que teñen unha duración aproximada dunha hora cada unha delas, tal e como avanzou o concelleiro do SPEIS, José Oreona.
“Escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria do colexio Ponte de Xuvia, un total de 95 menores, foron os primeiros en acudir a estas sesións, nas que se lles explica inicialmente como chegaron as avespas velutinas, a evolución desta especie, a necesidade de trampear para capturar raíñas…”, indicou o edil naronés.
Tralas explicacións teóricas, apuntou, chega a parte práctica, na que o alumnado utiliza unhas botellas para meter atraínte, a base de auga tibia, fermento e azucre. Dende o SPEIS e AGA inciden na importancia de colocar as trampas ata o mes de maio nas hortas e xardíns para evitar a proliferación desta especie.
Coa captura de raíñas pode reducirse, aseguran, ata nun 75% a aparición de niños de avespas velutinas, unha cifra moi importante tendo en conta o risco que representan a nivel medioambiental e tamén para as persoas.
A vindeira sesión programada será mañá no colexio Jorge Juan, con 79 escolares, e as seguintes, a partir do día 8 deste mes, serán nos centros de ensino Virxe do Mar, Piñeiros, CRA do Val, Ayala, Santiago Apóstol, A Solaina e A Gándara. O equipo de Educación Viaria do Concello de Narón colabora tamén nesta iniciativa.