O Pleno do Concello das Pontes aprobou este xoves 4, durante unha sesión extraordinaria, cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e do PP o orzamento xeral para o ano 2022, que ascende a 15.915.654,67 euros así como o cadro de persoal, as bases de execución do propio orzamento e incremento das retribucións do persoal de limpeza, auxiliares do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD/SAF) e peón de protección civil para acadar o salario mínimo interprofesional (SMI), establecido no Real decreto 145/2024, do 6 de febreiro de 2024.
O concelleiro de Facenda, Antonio Alonso, fixo fincapé en que se trata dun orzamento deseñado desde a prudencia e que “ten como obxectivo prioritario garantir o benestar social e o acceso a servizos, de calidade, de toda a veciñanza a través de diversas accións promovidas desde as diferentes concellerías e permítenos manter saneada a economía municipal, cumprindo coas normas de estabillidade orzamentaria, períodos medios de pagamento e a normativa económica vixente.”
O orzamento aprobado pola corporación municipal divídese en cinco grandes áreas de gasto, que establece os obxectivos e finalidades que persegue o grupo de goberno para o ano 2024. Así, 3,5 millóns de euros irán destinados aos servizos públicos básicos, de obrigada prestación por parte do Concello e dentro dos que se engloban servizos como a seguridade e a mobilidade cidadá, a luz, o servizo de abastecemento e saneamento, o servizo de recollida de lixo e tratamento de residuos sólidos urbanos ou o mantemento de parques, zonas verdes e o lago, entre outros.
As actuacións en materia de protección social e promoción social, dentro das que se inclúen as pensións do persoal do Concello, a atención a grupos con necesidades especiais así como medidas de fomento do emprego, terán un orzamento 2,9 millóns de euros.
Todos aqueles gastos que realiza en Concello das Pontes en materia de sanidade, educación, cultura, deporte, lecer e tempo libre, e en xeral todas aquelas actividades e actuacións destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños englóbanse dentro da área de gasto de produción de bens públicos de carácter preferente e ten unha dotación orzamentaria que rolda os 4,4 millóns de euros
Por outra banda, todas aquelas actuacións económicas, dirixidas a potenciar os distintos sectores de actividade así como os gastos en infraestruturas básicas e de transporte, infraestruturas agrarias, comunicacións, investigación ou desenvolvemento e innovación terán unha consignación no orzamento que rolda o millón de euros.
Finalmente, a todas as actuacións de carácter xeral que afectan ao funcionamento diario do Concello irán destinados 3,8 millóns de euros.
Antonio Alonso subliñou que no capítulo dos investimentos que están previstos realizar durante este exercicio polo Concello das Pontes, algo máis de 700.000, permitirán acometer diversas actuacións en infraestruturas deportivas e culturais.
Ingresos
O orzamento para o ano 2024 prevé uns ingresos, en base á evolución dos ingresos recabados nos últimos anos e baixo o criterio de prudencia, de 15.915.654,67 euros procedentes de impostos directos (IBI, BICES ou IVTM) e indirectos (ICIO), a cobranza de taxas e outros impostos (servizos deportivos, servizos educativos, servizos culturais, licenzas urbanísticas, etc), as transferencias correntes realizadas por outras administracións así como os ingresos patrimoniais (arrendamentos leiras urbanas, concesións administrativas, etc.)