Máis de 450 estudantes participan na III Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña organizan, este venres 5 de abril, a súa terceira Xornada de Portas Abertas entre as 9.30 e 19.30 dirixida a alumnado de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional Superior logo do éxito acadado tanto na súa primeira coma segunda edición, nas que participaron preto de 400 e 600 estudantes respectivamente.

Na quenda do citado venres 5, visitará o campus o alumnado do IES Sofía Casanova, do IES Concepción Arenal e do IES Canido de Ferrol así como o estudantado do IES de Mugardos.

Pola súa banda, a quenda de tarde estará dirixida a un público máis familiar e dará comezo ás 16:00 horas. O alumnado e público xeral inscrito nesta xornada poderá achegarse á oferta formativa da Universidade da Coruña no campus ferrolán a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría.

O estudantado que optase previamente polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten os graos en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixise o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades visitará, en primeiro lugar, Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. De seguido, trasladarase ata a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se imparte o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación.

Desde o curso 2022/23, o centro acolle unha nova titulación, posta en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), o grao en Relacións Internacionais. Ao igual que o grao en Xestión Industrial da Moda, esta titulación require dunha acreditación de nivel B1 de inglés que se fará efectiva no momento de formalizar a matrícula. No itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e humanidades inclúese tamén a visita á Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Do mesmo xeito, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría naval e Oceánica.

A maiores, a escola oferta o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso optando así polo grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

Lea también

Publicada en el BOP la Oferta de Empleo Público 2026 del Concello. Un total de 93 plazas

El Boletín Oficial de la Provincia (BOP) recoge este martes la publicación de la Oferta …