Ares ultima a IV edición do Concurso de Microrrelatos Escolares

A concellaría de Cultura e o Centro Público Integrado (CPI) As Mirandas veñen de lanzar unha nova convocatoria do Concurso de Microrrelatos Escolares, unha iniciativa que arrancou en 2021 e procura incentivar a escritura entre os mozos de Ares, fomentando a súa creatividade.

Coma aconteceu en anteriores edicións, establecéronse dúas categorías para participar: unha para estudantes de primaria (4o, 5o e 6o) e outra para estudantado da ESO. Cada categoría terá un gañador e finalista cos seus respectivos premios: un ebook ou tablet, no caso do primeiro, e un lote de libros para quen acade a final.

O certame literario incentiva a participar tanto ós estudantes inscritos no CPI As Mirandas coma á propia xuventude empadroada na localidade de Ares. Poderanse remitir ata dous microrrelatos, sen que ningún supere as 200  palabras e empregando coma inicio algunha das 5 frases que se contemplan nas bases do concurso:

Senteime na última fila do autobús…
Toda a vila de Ares era un animal sedento de…
Nunca vira tal cousa!
Pouco a pouco as rúas ían enchéndose de cor…
Case nin o vimos chegar!

O prazo para enviar os textos arrancou  2 de abril, e finalizará o 15 de abril ás 19:30 h. Os participantes poden enviar os seus traballos por correo electrónico tesmoitalingua@gmail.com ou cultura@concellodeares.com ou entregalos persoalmente ben no colexio, ben na biblioteca municipal de Ares.

Unha vez remate o prazo de presentación de microrrelatos, un xurado composto por profesorado do CPI As Mirandas e por unha persoa proposta pola concellaría de Cultura seleccionará aos gañadores e organizarase unha cerimonia de entrega de premios o martes, 23 de abril, o propio Día do Libro, no salón de actos da Alianza Aresana.

Lea también

Ares acolle a charla ‘Estilo de vida nas persoas afectadas polo cancro’

A vila aresá acolle a segunda charla dentro da Academia AresXSalud, o amplo programa educativo …