A Central Librera de Ferrol acolle a presentación de «O pensamento político de Ramón Piñeiro»

O mércores 3 de abril, celebrarase, ás 19:30 h, na Central Librera de Ferrol, a presentación de «O pensamento político de Ramón Piñeiro», de Serxio María Rodríguez Álvarez.

Esta proposta non pretende prescribir, senón entender. Entender, para que hoxe poidamos darlle outra volta máis sobre como queremos que sexa a Galicia do futuro. Ramón Piñeiro, protagonista indiscutible da nosa “batalla cultural” pola definición do paradigma nacional, transcende os lindeiros de ser unha personalidade histórica para facer, a partir do seu apelido, a catalogación dunha cultura política: “piñeirismo”.

Como afirma o autor no limiar do libro “estamos ante un ordenador de ideas, un procurador de vocacións e un impulsor de proxectos. O seu labor na política galega non se pode resumir no que vulgarmente entendemos por unha ‘vocación política’, unha querenza por acadar certo poder, ocupar unha responsabilidade ou pasar á historia. O intelectual lucense xamais procurou iso para si. No entanto, era plenamente consciente do atraso económico que padecía o país”.

Serxio María Rodríguez Álvarez (Ourense, 1996). Cursou estudos de Dereito e Ciencias Políticas, especializándose nesta disciplina no eido da historia do pensamento político, e estudos de posgrao en Historia Contemporánea, na especialidade de Historia Política e dos Nacionalismos. Desenvolve o seu labor investigador ao abeiro do grupo Historia Política e dos Nacionalismos (HISPONA), con especial atención aos eidos da historia dos nacionalismos, as identidades, o pensamento político, a historia das institucións e as personalidades.

É autor de artigos académicos sobre o nacionalismo galego, a dereita española, os nacionalismos en España, o Couto Mixto e a fronteira galego-portuguesa, e personalidades destacadas na historia política: Vicente Risco, Ramón Piñeiro, Joan Fuster, Jordi Pujol e Manuel Fraga, entre outros

Lea también

Las IV jornadas Micológicas de Neda concluyen con la visita al área recreativa de Maciñeira

Una decena de personas ha participado en la mañana del sábado 30 en la tercera …