Ferrol en Común realiza diferentes propostas ós orzamentos municipais

Este martes 2, o concelleiro e concelleira de FeC, mantiveron unha xuntanza coa edil do goberno encargada dos orzamentos municipais co fin de realizar unha serie de achegas coas que mellorar o borrador das contas locais presentadas a pasada semana.

Ferrol en Común afirma «en primeiro lugar, fixemos constar a nosa preocupación pola conxelación de fondos en areas clave que teñen que ver coa vida das persoas, coma é Benestar Social, polo que lle solicitamos ao goberno que aumente estas partidas e inclúa un Plan sociocomunitario para San Pablo e engada outro para o barrio de Recimil, cos que contribuír e traballar na inclusión total e boa convivencia de toda a veciñanza». Así mesmo, FeC «segue defendendo un incremento dos fondos de emerxencia social e que a súa tramitación sexa moito máis doada».

«No mesmo sentido, pedímoslle ao goberno local que aumente o investimento consignado para as areas de Igualdade e Xuventude, e aposte por políticas reaisnestes eidos dotándoas do orzamento preciso para levar a cabo proxectos e  plans nestas dúas concellerías imprescindibles para a nosa cidade e sociedade».

Dende FeC «defendemos a accesibilidade total, polo que solicitamos incluír nos orzamentos unha partida nesta materia para o desenvolvemento da VI Fase de pasos de peóns accesibles e así seguir avanzando nunha cidade para todos».

«Doutra banda, hai moitos deberes pendentes coa nosa cidade que non se atopan incluídos dentro destes orzamentos, coma é o equipamento da zona rural, o Plan de iluminación pública de baixo consumo, o novo Regulamento de Participación Cidadá, a cuadrilla permanente para o servizo de rozas, a actualización do PXOM, a recuperación do Padroado de Deportes, o Plan de Mobilidade para o barrio da Magdalena ou a mellora dos parques caninos».» Todo isto, foi trasladado hoxe na xuntanza coa Concelleira de Facendo dentro da nosa posición construtiva e compromiso coa cidade de Ferrol».

Xa no relativo a urbanismo, Ferrol en Común instou ao goberno local a incluír nestas contas os seguintes proxectos:

«Redacción de proxecto de urbanización da Praza Vella.

«Redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín en Canido e da Casa de

«Carvalho Calero en Ferrol Vello, co desenvolvemento a través da oficina municipal de rehabilitación e coa participación de entidades veciñais e culturais.

«A través dun convenio ou da compra directa, adquisición do Edificio de Suboficiais de Canido para o seu uso público, unha moción de FeC que foi aprobada por unanimidade en Pleno».

«Desenvolvemento da 2o fase das beirrarúas de Pazos».

«Continuación da rehabilitación do Antigo Hospicio».

«Desenvolvemento da 2o fase do Mercado de Caranza».

«Creación dun aparcadoiro no barrio da Graña».

Por último, dende Ferrol en Común «propuxémoslle ao goberno local o inicio dunha negociación co Ministerio de Defensa para a obtención dunha compensación económica pola ocupación de máis do 20% do chan da nosa cidade».

Dende Ferrol en Común «consideramos que todas estas propostas mellorarían os orzamentos da cidade e dende a nosa posición e actitude construtiva así llo trasladamos hoxe á edil do ramo agardando que sexan incluídas nas contas municipais, coma foron tidas en conta algunhas das nosas achegas do ano pasado nos orzamentos deste 2024 e grazas a iso veremos coma se continúa a rehabilitación de Recimil, coma se remodela a Praza Rosalía de Castro ou coma se desenvolve o ascensor no aparcadoiro do Cantón».

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …