O Campus Industrial de Ferrol acolle a I Xornada de Prácticas en Empresa

A Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves 4 de abril, a partires das 09:30 horas, a I Xornada de Prácticas en Empresa dirixida ao alumnado do máster en Informática Industrial e Robótica e na que tamén participan un total de seis estudantes dos últimos cursos do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, titulacións que se imparten na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) pertencente á Universidade da Coruña.

Héctor Quintián Pardo

O director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o coordinador do máster en Informática Industrial e Robótica, Héctor Quintián Pardo, serán os encargados de inaugurar esta I Xornada de Prácticas en Empresa na que participarán o fundador do estudio de automatización e robótica BAUP, Filipe Teixeira; o xefe de Proxecto de Tec de Soft Automation, Juan José Medina Albero; o responsable de Proxectos de Serprentrio Technologies, Marcos Taboada Díaz; a responsable das Relacións con Universidades e integrante do Departamento de Recursos Humanos de Navantia, María Teresa Galdo Aldrey; así como o responsable de Desenvolvemento UAS e o enxeñeiro de Sistemas da empresa de aeronaves non tripuladas Avincis, David Pérez-Piñar López e Yago Gómez Castro, respectivamente.

Tamén se achegarán ata o Campus Industrial de Ferrol o director comercial da empresa galega de subministro de material eléctrico, automatización e control industrial DIEXFE, Óscar Vázquez Casas; o director de I+D+i de EMALCSA, Ricardo Vázquez Pérez; o director de IA e Data Analytics da multinacional NTT Data, Ángel Fraga Varela; a directora de Proxectos e o enxeñeiro especialista da empresa de enxeñaría en transición enerxética e sustentabilidade Technip Energies, María de los Ángeles Musacchia e José Gato, respectivamente; a administradora de Narontec, Montserrat Tuimil Parapar; así como a directora de Enxeñaría Eléctrica, o director de Tecnoloxías da Información Industrial e a directora do Departamento de Recursos Humanos da empresa global de enxeñaría especializada no sector siderúrxico Russula, Noelia Pérez, José Ramón González e Begoña Llaca Abos, respectivamente.

Ao longo da xornada, os e as representantes das 11 empresas participantes compartirán co alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) información relativa aos proxectos que teñen en marcha e aos que se poderán sumar realizando as súas prácticas curriculares, necesarias para obter o título de grao ou de máster, ou ben  extracurriculares nestas compañías. Para favorecer esta incorporación, realizaranse entrevistas persoais durante toda a mañá no despacho anexo á Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol.

Titulación interuniversitaria impulsada pola Universidade da Coruña e máis pola Universidad de La Laguna

O máster en Informática Industrial e Robótica (60 créditos ECTS) impártese na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña e na Escuela Superior de Ingeniería y Tecnología da Universidad de La Laguna desde o curso 2020/21. A maiores, ofrece a posibilidade de obter unha dobre titulación internacional co Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal.

Unha vez rematada a súa formación, o alumnado terá unha sólida formación nas tecnoloxías relacionadas coa industria 4.0 como poden ser a robótica, a automatización industrial, o Big Data Analytics, a fabricación aditiva, a programación de dispositivos industriais, a computación na nube, a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial na industria, a Internet das Cousas (IoT industrial) ou a realidade aumentada.

Lea también

Mato muestra su satisfacción tras desestimar la Justicia una denuncia por prevaricación y malversación

El portavoz del grupo municipal del PSOE en el Ayuntamiento de Ferrol, y exalcalde, Ángel …