A Semana Santa eumesa desde os ollos de Ramiro Fonte

José Fonte Sardiña
No mes de novembro de 2003, vía a luz “Os meus ollos”, a primeira novela da triloxía “Vidas de infancia” de Ramiro Fonte, coa marabillosa fotografía en branco e negro de Tito Ríos na portada, onde aparecía un músico tocando o seu acordeón rodeado de nenos eumeses ao pé do cruceiro das Angustias e da casa natal do poeta, e neste pasado marzo de 2024, pouco máis de vinte anos despois, Hércules de Ediciones publicou a súa versión en castelán, con prólogo de César Antonio Molina e ilustrada por Antonio Seijas. Para min foi unha honra facer a tradución da máis importante obra en prosa da literatura eumesa e unha das fundamentais do xénero narrativo galego, e navegar neste barco, “memorioso, irónico e sentimental”, coma os eumeses; “ese é o seu xeito de sentirse a gusto na vida” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 73). Na portada de Antonio Seijas están o neno, a ponte e os seus ollos, o río Eume, o gua…, todos na nosa memoria do corazón (Portadas de “Os meus ollos” e “Mis ojos”, de
Ramiro Fonte).

Neste libro, en opinión de Ramón Loureiro, “a prosa do autor eumés […] brilla a una altura excepcional. Coma un renovado milagre. Coma os secretos cantos do bosque que, quizais en memoria de Ramiro, aínda hoxe o vento trae, a través das Fragas do Eume […], desde Caaveiro, ata as rúas nas que Fonte xogaba de neno” (tomado e traducido de Ramón Loureiro: ‘Mis ojos, versión castellana de una de las obras capitales de Ramiro Fonte’, en “La Voz de Galicia”, 19 de marzo de 2024) (Foto de Ángel Cendón do mosteiro de San Xoán de Caaveiro no corazón das Fragas do Eume).

Se alguén quere saber como é a alma da Semana Santa eumesa, o mellor que pode facer, ademais de a vivir na vila, é ler o capítulo sétimo da novela “Os meus ollos”, titulado ‘O paso contado’. Alí atopará desde o precepto de abstinencia de comer carne os venres coresmais nos que “o noso veciño Agustín o carniceiro, podía pasar ese día sen ter que afiar os coitelos” (Ramiro Fonte: Op. cit., p. 197), ata o recordo da candea das procesións, gardada “nun caixón do aparador” (Idem, p. 224) e esquecida “ata que unha noite volva producirse un dos habituais apagóns de luz eléctrica […]. Entón […] aparecerá no bico dunha botella de anís, improvisada palmatoria. Pintará os nosos rostros arredor da mesa do comedor mellor do que o faría o pincel dun dos mestres do tenebrismo” (Idem, p. 224), pasando pola recreación das principais imaxes que saen nas procesións e a referencia á súa música (Foto de José Augusto Ríos do Paso do Nazareno realizado polo prestixioso mestre Gambino, en 1771, sendo o noso paisano o arcebispo Rajoy o titular da arquidiocese de Santiago de Compostela).

Pontedeume celebra a Semana Santa, como o fai tamén con outras festas profanas ou relixiosas ao longo do ano, con fonda paixón e un case sacrosanto respecto pola tradición; e cando se xuntan estes dous sentimentos, non pode faltar a música como inescusable compañeira de viaxe. Hai dúas pezas musicais que nos chegan especialmente ao corazón dos eumeses, o “Ñoñoroñó” dos Mómaros, nas Festas das Peras, e “O Paso”, na madrugada do Venres Santo, que sae polas rúas desde as cinco da mañá e logo acompaña a procesión do Santo Encontro (Os Mómaros bailando o “Ñoñoroñó” o día 7 de setembro na praza Real de Pontedeume).

O Paso é a melancólica marsellesa dos meus paisanos, o verdadeiro himno da nación dos eumeses. Unha tradición do tempo dos nosos avós acabou consagrándose como a peza mestra da nosa alma musical: é un espello de notas que nos devolve a imaxe dun rostro romántico, sentimental e soñador. O mellor de nós mesmos, que diría o outro” (Idem, p. 205) (Os músicos eumeses tocando O Paso” na procesión do Encontro).

Todo eumés sente nostalxia da vila cando está fora o día 7 de setembro, na saída dos Mómaros, e cre escoitar, ás doce do mediodía, as rebuldeiras notas do “Ñoñoroñó” que soan na praza Real, e o mesmo lle sucede na madrugada do Venres Santo coa solemne melodía do “Paso”. Así o viviu tamén Ramiro Fonte na súa “primeira visita a Venecia. Alta noite. Un dédalo de rúas asolagadas. A mesma lúa, espellando manchas de prata, distintas en cada canle […]. Mestres a cámara rouba os nomes de pontes que teñen o prestixio das cousas simplemente utilitarias, non me atrevo a comentarlle ó meu acompañante que eu son, por orixe, unha persoa que algo sabe destas cousas. Tampouco me atrevo a compartir un pensamento. É Venres Santo. Mentres eu paseo as rúas de Venecia, neste preciso instante, unha comparsa toca O Paso nas rúas de Pontedeume” (Idem, p. 223) (Os músicos eumeses tocando O Paso” polas rúas da vila antes da procesión do Encontro).

Polo capítulo desfilan o Monumento de Xoves Santo, o Desencravo e, por suposto, tamén as procesións, as do Venres de Dores, Domingo de Ramos, o Encontro, o Santo Enterro ou a Soidade… “Un cento de veces recreei nos meus xogos o calado discorrer deses dous ríos de xente. Tumultuarios, paralelos, escuros, vai neles todo o pobo eumés.
Entre os regatos de chamas pequeniñas, camiñan as imaxes […]. Os mariñeiros tanto saben gobernar os barcos na ría como mover os santos nas procesións. Se non fose por eles, a Virxe das Dores, poño por caso, non sería esa nai atormentada que se bota ás rúas […]. Se o Eume tivo que salvar telúricos accidentes xeográficos para ser río e entregarse ó mar nos ollos da ponte, que non farán os mariñeiros para mover as andas nos treitos máis difíciles” (Idem, p. 199) (Imaxe da Virxe das Dores na procesión do Santo Enterro).

Tampouco podía faltar a referencia a Eduardo, o noso Neno, e ao mellor notario da historia de Pontedeume, o fotógrafo Tito Ríos, que vai retratando todos eses momentos; logo tomou a remuda o seu fillo e discípulo José Augusto, ao que botamos de menos e lle desexamos de todo corazón unha rápida e boa recuperación (Foto de Lola Fornos Ríos na que aparece Eduardo tocando “O Paso” na procesión do Encontro).

Miro moi serio cara á lente da cámara de Tito Ríos. Aparece entre os soportais, desempeñando o seu mellor papel. É un cazador de momentos fuxidíos, un fiel servidor do que un día serán nostalxias de todos” (Idem, 204). Que eumés non ten no seu álbum familiar unha foto feita por Tito ou o seu fillo José Augusto nunha procesión de Semana Santa, nos Mómaros, no Entroido ou nalgún momento importante da súa vida? (Foto de Tito Ríos da procesión do Santo Enterro no meu álbum familiar, con tres xeracións dos Fonte).

Anímovos a ler nestes días as páxinas do capítulo ‘O paso contado’ e en calquera momento a novela “Os meus ollos”, ou as outras dúas compañeiras de triloxía, “Os ollos da ponte”, de 2004, e “As pontes no ceo”, de 2007.

Lea también

Sin novedades en la Plaza de Armas–(Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia Vuelvo a opinar sobre el gobierno local sabiendo que se me replicará …