Segue a loita contra a velutina coa instalación do trampeo xeolocalizado en diferentes concellos galegos

A Xunta avanza na execución das novas medidas deseñadas polo Goberno autonómico neste 2024 para frear a expansión da avespa velutina na nosa comunidade, entre as que está o trampeo planificado e xeolocalizado en todo o territorio galego.

Nestes días, dispositivos de captura estanse a colocar en diferentes concellos galegos a través dun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga, axentes ambientais ou bombeiros forestais da Consellería do Medio Rural.

Este trampeo xeolocalizado -unha das principais demandas do sector apícola galego para loitar contra esta especie invasora- baséase na colocación de dispositivos de captura nas mesmas localizacións nas que se detectaron niños de velutina en anos anteriores. A medida permite facer un seguimento e estudar a evolución do insecto, ao rexistrarse os datos recollidos na aplicación informática Contravelutina para que poidan ser analizados por un grupo de técnicos especializados.

Os obxectivos destes traballos de trampeo céntranse agora na captura de raíñas, que ao comezo da primavera saen na procura de alimento a construír os primeiros niños. Pola súa banda, os labores que se realizarán nos meses de outono e inverno buscarán a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Ademais, tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas ao aparecer os abáboros.
Ademais de adiantar a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño -outra das medidas incluídas na nova batería de medidas e que xa está sendo efectiva-, este ano incidirase na aposta pola formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación.

Tamén se impulsará a investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e así poder determinar o método máis efectivo para evitar a súa propagación.

Todos os concellos galegos están este ano adheridos ao Plan autonómico de control da velutina

O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira da totalidade dos 313 concellos galegos.

Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria.

A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.

A través deste programa, a Xunta leva realizado un inxente traballo no freo da velutina, que se vén a reforzar este ano a través dunha ambiciosa batería de accións, sempre en colaboración cos municipios e os diferentes axentes operativos no territorio para potenciar esta resposta unificada.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …