Narón programou oito novas actividades dos programas Apego e Guizo dirixidas a menores e ás súas familias

A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, presentou as actividades que dende o Concello de Narón se levarán a cabo entre os meses de abril e xuño no marco dos programas Apego e Guizo. A edil naronesa recordou que xa permanece aberto o prazo de inscrición nestas propostas, todas elas de balde e dirixidas a menores.

No que respecta ao programa Apego, a concelleira destacou a variedade das actividades propostas, entre as que se inclúen contos, teatro, maxia e música que se levarán a cabo, nas cinco xornadas propostas, no Centro Cívico Social de San Xiao ás 17:00 horas.

O día 3 de abril terá lugar Bichocas, de Xarope Tulú, un espectáculo para a primeira infancia (0 a 6 anos) onde os obxectos farán viaxar a través do mundo animal. O 17 de abril será o turno de A avoa Mariña, de Cris Caldas e Xabi do Camiño. Neste caso é unha proposta recomendada para menores a partir de 6 meses na que os contos e os xogos serán os protagonistas.

No mes de maio continuará a programación de Apego o día 8 con Patapatún, de O Mago Paco, un divertido espectáculo de maxia para menores de 1 a 4 anos e as súas familias. A continuación, o 22 de maio, terá lugar As sementes da felicidade, de Miudiño, unha adaptación dun conto de Jean Giono no que se mostra a importancia das árbores para a vida no planeta. Está dirixido, neste caso, a nenas e nenos de 3 a 6 anos.

A última das propostas de Apego para esta primavera será Foliada, con Pablo Díaz e Olga Kirk. Os menores de 0 a 6 anos son os destinatarios deste encontro, con música e baile.

O programa Guizo, tal e como avanzou María Lorenzo, regresa á cidade con máis actividades para coidar a natureza e a lingua. É un proxecto para nenas e nenos de 6 a 12 anos e as súas familias, que se programou tres días, a partir das 11:00 horas, dous deles no Centro Cívico Social do Couto. Esta iniciativa terá continuidade o 20 de abril cun obradoiro de Encadernación ecolóxica no que os participantes reutilizarán cartón, retallos, trapos vellos… para elaborar as súas propias axendas e cadernos, aprendendo a encadernación por encolado. A seguinte xornada será o 25 de maio, cun obradoiro, Petos de primavera, para que as familias aprendan a decorar unha bolsa de tea coa técnica hapa zome e coñecer as flores e plantas da contorna, empregándoas nas impresións.

A terceira proposta do programa Guizo será o 23 de xuño, coa Recolleita de herbas de San Xoán, na que as persoas que acudan coñecerán a tradición asociada a esas herbas e os seus usos. Esta convocatoria levarase a cabo nun lugar aínda por determinar.

En todas as actividades os menores deberán ir acompañados dunha persoa adulta. As inscricións deben realizarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade da nena ou neno, o nome do pai/nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Para máis información pódese consultar a web: www.naronengalego.gal, no apartado de actividades.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …