Axenda en Narón do 15 ao 17 de marzo

Venres 15 de marzo de 2024

Actividade: Clase maxistral de piano con Fran Rey Hora: De 19:00 a 21:00 Lugar: Aula de Ensaio da Casa da Mocidade (A Gándara)

O músico Fran Rey, cunha longa traxectoria musical, será o encargado de impartir esta clase maxistral, baseada en diferentes estilos musicais, dirixida a mocidade de Narón de entre 12 e 45 anos. A asistencia require inscrición previa.

Actividade: “Todas as voces contan” Hora: 19:30 Lugar: Biblioteca municipal

A Biblioteca acollerá un contacontos para público infantil e adulto: “Todas as voces contan”, a cargo da compañía Trémola Teatro. O espectáculo enmárcase nos actos programados polo Concello con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, e ten entre os seus obxectivos facer reflexionar ao público sobre o paso do tempo e os cambios que este produciu na igualdade de xénero, na muller rural e na terceira idade.

Actividade: “Miss Espanha” Hora: 20:30 Lugar: Pazo da Cultura

A novena edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular inclúe este espectáculo, da Compañía Eléctrica, de Galicia. Trátase do novo proxecto teatral de Iria Pinheiro Santos e ten como protagonista a Emilia Docet, a muller que foi coñecida como Miss España Galeguista. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

Actividade: Cea das Mulleres Hora: 21:30 Lugar: Restaurante Casa Becerra

Algo máis dun centenar de mulleres acudirán á tradicional Cea das Mulleres organizada polo Concello con motivo do 8M. Ao inicio do acto homenaxearase de novo á Muller do Ano 2024, a naronesa Bárbara Grandal de Rosende. 

Sábado 16 de marzo de 2024

Actividade: Creación dun herbario persoal Hora: 11:00 Lugar: Centro Cívico Social do Couto

O proxecto Guizo, impulsado polo Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística, inclúe este primeiro trimestre do ano a celebración deste obradoiro no que os menores de 6 a 12 anos, inscritos previamente, poderán aprender sobre as especies de flora máis características de Galicia e elaborar un herbario persoal.

Actividade: “Yo soy Fedra” Hora: 20:00 Lugar: Pazo da Cultura

O “IX Festival Internacional do monólogo teatral Singular” programou a representación de “Yo soy Fedra”, da compañía Uruguaia Teatro La Morena. Noelia Campo interpretará esta peza, que se corresponde cunha experiencia de teatro inmersivo. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es .

Domingo 17 de marzo de 2024

Actividade: “Maruxiña” Hora: 18:00 Lugar: Pazo da Cultura (Café Teatro)

O espectáculo para público familiar e infantil do “IX Festival Internacional do monólogo teatral Singular” estará protagonizado por Laura Sarasola. Trátase dunha proposta da compañía Galega Aurora Artes Escénicas, inspirada no conto clásico “Polgariña”, de Andersen. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …