V Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Diputación da Coruña

A peza teatral “As damas de Ferrol” recibirá 12.500 euros e os programas de sensibilización “As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias” e “Mulleres na rúa”, 12.500 e 6.500 euros respectivamente.

Foto Diputación Coruña do xurado do V Premio Luísa Villalta

A peza escénica “As damas de Ferrol”, de Teatro no Noroeste, e os programas de sensibilización “As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias”, da ONG Ecos do Sur, e “Mulleres da rúa”, da asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, son as tres propostas gañadoras do V Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade que convoca a Deputación da Coruña. A esta edición do certame presentáronse 17 proxectos.

O xurado, presidido pola deputada de Igualdade, Sol Agra, formárono a xornalista María Obelleiro, o artista multidisciplinar e escritor Sergio Marey e a técnica de igualdade da Deputación, Eva Ovenza; como secretaria actuou  Carolina Buhigas, xefa da sección Servizos Sociais provincial.

Os proxectos

“As damas de Ferrol”, de Teatro do Noroeste. A compañía galega concorreu ao Villalta cunha revisión do texto de Eduardo Alonso, unha comedia negra en clave feminista ambientada nunha Ferrol en decadencia. O xurado valorou “a súa capacidade de promover avance en materia de igualdade violencia machista, diversidade, interseccionalidade e interxeracional”.

“As Marías: mulleres creadoras fronte ás violencias”, da ONG Ecos do Sur. Este programa de sensibilización busca intervir na sociedade para dar visibilidade e previr sobre as diversas formas da violencia machista exercidas sobre a muller migrante, que representan preto do 34% das vítimas mortais de violencia de xénero. É un proxecto de sensibilización que aborda a súa proposta dende a perspectiva pedagóxica das artes escénicas e audiovisuais. Tomando conciencia das dificultades de participación das mulleres e da sociedade en xeral fronte as violencias, Ecos do Sur, utiliza a ferramenta do teatro e a creación artística para vencellar ás mulleres en temáticas de promoción da igualdade.

O xurado valorou positivamente “a capacidade do proxecto de promover avances en materia de igualdade, violencia, diversidade, interseccionalidade e transversalización de xénero, así coma a súa capacidade transformadora a prol da superación das desigualdades de xénero e as posibilidades de cambio social”. Tamén salientou o nivel de coordinación da proposta, “capaz de xerar sinerxías e redes de traballo co tecido asociativo, empresarial e cultural e educativo”.

“Mulleres da rúa”, da asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros. Este proxecto ten como fin promover rúas da Coruña con nome de muller para fomentar actitudes favorables á igualdade de xénero a través da visibilización das mulleres coruñesas que desatacan ou destacaron en diversos eidos da ciencia, a cultura, a historia ou a música.

Para o xurado, a proposta “está ben estruturada e é innovadora, pois se desenvolveu a través das novas tecnoloxías, tan necesarias no momento actual e capaces de aportar á cidadanía ferramentas de innovación social: procesos de traballo para fomentar a creatividade entre equipos, técnicas de aprendizaxe que trasladan a mecánica dos xogos aos ámbitos educativo e profesional, xuntanzas en liña abertas e participativas e encontros de programadores, entre outras».

O obxectivo deste certame convocado pola área de igualdade da Deputación é  rendir homenaxe e contribuír a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario, e do activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita, a prol da loita pola igualdade real e o apoderamento das mulleres.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …