Fene acolle a sesión Mitos vs realidade sobre unha alimentación saudable

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres 15 de marzo, ás 12 horas, unha nova charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración da Asociación Oncohematolóxica Por Máis Vida e do Concello de Fene.

Nesta nova sesión, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre Mitos VS realidade sobre unha alimentación saudable. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.

Nos últimos anos, debido ao maior interese da poboación pola comida e todo o relacionado coa alimentación, aumentaron os mitos e as crenzas que rodean ao mundo da alimentación e a nutrición. E, debido á grande cantidade de información que se transmite hoxe en día, hai unha serie de afirmacións erróneas que, de tanto repetilas, acaban asumíndose como realidade.

A nutrición como calquera ciencia avanza, polo que é moi importante estar actualizados e achegar información con evidencia científica. Por iso, o obxectivo desta charla é “desmentir todos os mitos e aportar información con rigor científico e actual no mundo da alimentación saudable”.

Iria González é dietista-nutricionista no Centro de Saúde de Fene. Realizou o grao en Nutrición Humana e Dietética e un Máster Universitario en Condicións Xenéticas, Nutricionais e Ambientais no Crecemento e Desenvolvemento. Desde 2019 traballa como dietista-nutricionista no ámbito clínico privado. E en decembro de 2022 incorpórase ao SERGAS (CS Fene), como dietista-nutricionista, con funcións tanto na asistencia clínica como na comunitaria.

Lea también

Arrancan en As Pontes las segundas Jornadas en Gestión Forestal Sostenible

La parte teórica se impartirá en el local de la asociación de empresarios SEARA, en …